Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2025 | Actualizada ás 18:17
A Xunta de Galicia pon en marcha a Escola Galega da Auga, unha iniciativa "pioneira" na comunidade que nace co dobre obxectivo de impartir formación especializada e gratuíta aos profesionais que traballan neste ámbito e mellorar así a calidade da xestión integral dos recursos hídricos a nivel local pola vía da profesionalización e da captación continua do sector. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, clausurou este martes a xornada de presentación oficial desta iniciativa, un acto que reuniu en Santiago a máis de 170 persoas entre alcaldes e concelleiros, técnicos municipais e profesionais de diversos ámbitos ligados a empresas que traballan no sector da auga.
Tal e como subliñou, coa creación desta entidade, a Administración autonómica dá un paso máis na súa aposta pola profesionalización do sector, "en liña co compromiso de Augas de Galicia de ofrecer o seu apoio técnico e económico ás entidades locais para a xestión dos recursos hídricos nos seus respectivos territorios". Neste sentido, Ángeles Vázquez fixo fincapé na complexidade da xestión integral da auga en Galicia, non só pola ampla normativa á que está suxeita, senón polas "múltiples fórmulas" que conviven no territorio con máis de 5.000 captacións, máis de 900 potabilizadoras e máis de 400 depósitos xestionados por concellos, consorcios ou mancomunidades, empresas, agrupacións veciñais ou mesmo sistemas privados.
Tamén lembrou que en 2022 entrou en vigor a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga "co dobre fin de garantir a cobertura en condicións apropiadas de calidade e cantidade" das necesidades básicas do uso da auga e tamén a protección dos recursos hídricos e os ecosistemas acuáticos e terrestres asociados. Así mesmo, a conselleira destacou a importancia de seguir avanzando na simplificación administrativa tamén nos distintos trámites relacionados coa xestión da auga, incidindo na importancia de unificar en todo o territorio galego, independentemente da súa conca, os criterios a aplicar na tramitación dos procedementos.
CONTIDO DOS CURSOS
A través desta escola, ofrecerase a posibilidade de mellorar a súa cualificación a técnicos e funcionarios municipais que traballan neste ámbito, así como a persoal de empresas concesionarias de servizos hidráulicos, consultoras e enxeñarías, "responsables de garantir o uso sustentable, racional e eficiente deste ben natural limitado e moi valioso". Tal e como explicou a responsable autonómica, a intención é formar só neste primeiro ano a uns 350 profesionais, o que representa case a metade de todo o persoal relacionado coa xestión da auga que traballa na comunidade e que se calcula nunhas 700 persoas. A formación, que será teórica e práctica e impartirase segundo o caso en formato presencial ou telemático, versará sobre temáticas como a xestión integral dos recursos hídricos, a actualización de coñecementos sobre a normativa de augas autonómica, estatal e europea e a procura de solucións sustentables.
Desta forma, os participantes poderán enfrontarse a situacións reais e desenvolver actuacións innovadoras. Indican que así se fortalece a súa capacidade de análise e de toma de decisións no ámbito da xestión; promóvese o intercambio de coñecementos e experiencias sobre posibles problemas e solucións de éxito; poténciase a súa capacidade de adaptación aos cambios lexislativos e ás novas políticas en materia de augas; e, de forma especial, prepárase ao sector para os retos de adaptación e mitigación do cambio climático. Neste sentido, remarcan tamén que dada a vulnerabilidade dos recursos hídricos fronte a este fenómeno, un dos grandes retos da escola será "preparar aos participantes para implementar estratexias de resiliencia e mitigación dos riscos asociados ao quecemento global", asegurando así que os futuros xestores e técnicos conten coas ferramentas necesarias para afrontar eventos climáticos extremos e os seus efectos neste ámbito.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.