Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2022 | Actualizada ás 18:28
A asociación Xornalistas Galegas, formada por mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación comprometidas cun xornalismo feminista, chama os medios a informar sobre o aumento da precariedade social e laboral das mulleres tras dous anos de pandemia da covid 19. Para contribuir a esta tarefa, co gallo da conmemoración do 8M, Día Internacional da muller, o colectivo vén de remitir ás redaccións unha compilación de informes e ferramentas de organismos internacionais que evidencian o incremento da desigualdade entre sexos por mor desta crise.
A asociación, constituída en 2018 e cuxo manifesto fundacional foi asinado por preto de 200 mulleres, apela á "responsabilidade social dos medios ante o agravamento da discriminación das mulleres" e lembra o seu carácter de "servizo público" para esixir a defensa do ben común, neste caso a igualdade entre homes e mulleres.
Do mesmo xeito, Xornalistas Galegas, reivindica a perspectiva feminista nos medios para visibilizar accións en favor da igualdade e outorgar ás mulleres "a relevancia social que lles corresponde", especialmente no contexto de pandemia. Así mesmo, e focalizando na profesión xornalística, o colectivo reivindica unha mellora das condicións laborais nos medios de comunicación, "que permitan avanzar na plena consecución dos dereitos reais das súas traballadoras".
Para subliñar estas demandas, a asociación promove en redes sociais o cancelo #8MninUnPasoAtrás e aglutina baixo el algunhas das ideas máis relevantes que se extraen da documentación remitida ás redaccións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.