Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 11/03/2022 | Actualizada ás 22:00
-Din que as guerras non son boas para os negocios, aínda así, cre que alguén está facendo negocio coa guerra entre Rusia e Ucraína?
Como tal negocio económico entendo que non. Non sei se máis adiante pode haber algún sector que se beneficie, mais o custo inicial está sendo tan elevado que non vexo a ninguén sacando gañancias desta situación. Rusia nestes momentos xoga como se fose unha gran potencia cando non é tal. Ten agora mesmo 143 millóns de habitantes e a renda per cápita é un terzo da española. Por tanto, manter toda a estrutura militar actual co sistema económico que teñen é imposible. A súa economía está centrada na exportación de gas, petróleo e materias primas básicas para os semicondutores. En definitiva, a economía rusa non está moi diversificada.
-Cales son as primeiras consecuencias económicas deste conflito para España e por extensión para Galicia?
A primeira de todas é que as expectativas de crecemento previstas polo Goberno central e a Xunta para 2022 vai ser difícil cumplilas. As previsións en Galicia eran un crecemento do PIB nun 6%. Isto será imposible de cumprir a non ser que o conflito non se prolongue. En tal caso, o escenario é de incerteza e non sería estraño entrar en recesión, que o crecemento a final de 2022 fose negativo tanto en España como en Galicia, algo parecido ao 2020 cando entramos en pandemia.
Rusia nestes momentos xoga como se fose unha gran potencia cando non é tal.
-A recuperación económica post-pandemia na UE estaba ligada aos fondos Next Generation. Estes fondos quedarán anulados ou serán insuficientes?
Tanto como anulados non creo. Iso si, o efecto non será tan inmediato como estaba previsto, aproximadamente en tres anos. Á parte que estaban ligados a tres eixos: dixitalización, sustentabilidade e cambio climático. Obviamente, cunha guerra como a actual, todo isto pode acabar diferíndose, cousa que previsiblemente suceda con estes fondos europeos. En tal caso, a UE, que estaba comezando a recuperarse da pandemia, sabe que o conflito ruso-ucraíno prexudica todas as expectativas. Por tanto, os fondos Next Generation non quedarán anulados mais si diferidos no tempo. Hai outra parte e é que dos 190.000 millóns de euros, parte serán empréstitos e España en principio non tería motivos para pedilos, mais ao final deberá recorrer a eles. Os orzamentos estatais e autonómicos aprobaron uns fondos aos que deberán recorrer outra vez debido ao cambio radical de escenario. Un escenario convertido en incerteza que para ser medido, debe ser convertido en risco por ser medible, mais agora estamos nun momento en que non se pode transformar en risco, seguimos en estado incerteza, sobre todo económica, política e social.
-Alén de todo isto, habería que pensar nuns novos fondos a curto prazo semellantes aos Next Generation para reforzar a seguridade económica e o crecemento na UE?
Eu creo que si, pois inicialmente o modelo de custo enerxético que temos en Europa non está adaptado á realidade. Non pode incrementarse un 30% durante unha semana, isto non se sostén. En Galicia podémolo ver no sector da pesca que está parado por non poder pagar o carburante a 1€ litro e sacar un beneficio de 0,60€ por quilogramo. O mesmo co transporte. En Galicia o transporte está moi atomizado con moitas empresas pequenas que reducen servizos por non ser rendibles. Despois, o sector conserveiro tamén está afectado por falta de aceite de xirasol procedente de Ucraína. A automoción, pois máis do mesmo, até o momento era o problema da subministración de semiconductores durante e despois da pandemia. Stellantis ten parada parte da produción parou parte da produción por este motivo. O sector téxtil? Pois ten que abandonar Rusia porque vale máis unha boa imaxe que perder beneficios. Por tanto, é necesario ir preparando un novo sistema de fondos inmediatamente por causa desta guerra.
Cunha guerra como a actual, todo isto pode acabar diferíndose, cousa que previsiblemente suceda cos fondos europeos
-Estando en guerra e pensando en novos fondos de reconstrución, de onde poden saír os orzamentos para eles?
Os estados deberían aumentar o gasto público a pesar dos países do sur, que teñen unha débeda máis importante, é mellor endebedarse que non facer nada. O BCE e Bruxelas deberan estudar este tema, o aumento da débeda nun momento de crise.
-Coas sancións e o peche ás exportacións rusas de petróleo e gas, a moeda rusa, o rublo, pode depreciarse. Esta depreciación pode xogar a favor das exportacións rusas cara outros mercados e por tanto alimentar o orzamento de guerra?
Penso que o único mercado aberto para Rusia é China, porque os grandes consumidores como EE.UU e Europa pecharon as importacións rusas. Os chineses están ademais nunha posición intermedia, queren o diálogo entre as partes. En definitiva, é difícil para Rusia exportar agora mesmo. Onte conxelou as contas bancarias, creou un “corralito”, só se pode retirar até certa cantidade de diñeiro. Isto é un síntoma de debilidade económica, o sistema está caendo. Hai pouco xa o dixera un premio Nobel: “Rusia aparenta máis potencia da que ten”. É certo porque ten debilidades importantes na súa estrutura económica e isto trae problemas sociais. Os 143 millóns de rusos e rusas non están de acordo en rebaixarlles a súa calidade de vida por un intento nacionalista de reconstruír a Unión Soviética levando por diante os ucraínos. Tampouco os países árabes estarían interesados porque teñen os seus propios recursos. O norte de Europa depende do gas ruso mais os alemáns xa deron un paso adiante aínda que non tomaron a decisión de pechar a importación de gas.
O modelo de custo enerxético que temos en Europa non está adaptado á realidade
-Esta semana o secretario xeral de Unións Agrarias (UU.AA), Roberto García, avisaba da falta de gran para facer penso destinado á cabana gandeira e que en dous meses poderían verse xa os primeiros problemas.
Si, un período moi curto. Isto é gravísimo porque en dous meses non dá tempo para buscar alternativas antes de esgotar as reservas de cereal. Falan de Arxentina e algún outro país. A cuestión está en que a UE ten uns estándares de calidade moi esixentes co produto importado. Nun principio o gran arxentino non cumpría eses estándares, ademais engadiríaselle o prezo do transporte e isto para os agricultores galegos aínda lles reduciría máis as marxes de beneficio. O aumento de custes reflíctese no produto final e os consumidores non pagarán máis alá de certo límite. En 2021 houbo un incremento do consumo porque a xente aforrou en 2020, mais os aforros tamén teñen uns límites. Por outra parte, transferir o aumento de custes aos prezos finais é imposible, iso pode romper a cadea de produción. Entón, estou de acordo coas palabras do secretario xeral de UU.AA, Roberto García.
-García apuntaba ademais que o contexto actual demostra a necesidade de recuperar terra de cultivo, así reduciríase en parte a dependencia das importacións.
Estou de acordo con García. Esta cuestión a medio prazo hai que confrontala. A globalización tivo aspectos positivos en canto actividade económica, os mercados aumentaron de tamaño, os custos reducíronse porque cada país estaba especializado nunha determinada actividade. España foi desmantelando o seu sector naval para deixar todo en mans de países onde a construción naval era máis barata. Todo isto levou ao abandono de determinados sectores dentro dos estados porque resultaba máis económico importalo. Agora mesmo estamos en época de crise, cun escenario totalmente distinto ao de hai vinte anos e por tanto, sería óptimo labrar terras abandonadas.
-Dentro da coxuntura bélica en Europa o prezo da luz subiu até os 700€ por Mw. Aínda así, que explicación hai para as subas espectáculares da electricidade antes da guerra en Ucraína?
Hai un modelo de fixación de prezos deseñado hai xa tempo e avalado pola UE e dentro deste contexto quen gaña diñeiro, en exceso, son as eléctricas. Este modelo hai que cambialo, non podemos seguir así, pagando a enerxía con estes prezos, a consecuencia é que as eléctricas nunca gañaron tanto. Falamos de ao mellor de 60.000 millóns de euros en beneficios, non quita que se perderan noutros anos, mais é necesaria unha regulación, ben a nivel estatal ou europeo. Durante unha época de crise, con toda a poboación atemorizada, as eléctricas non poden presentar unha conta de resultados como presentaron. Este modelo debe ser revisado.
Agora mesmo estamos en época de crise, sería óptimo labrar terras abandonadas.
-A luz é unha parte do custo da vida. Que sectores estarían máis afectados polas subas de prezos?
Creo que todos os sectores en Galicia están afectados. Posiblemente, de maneira especial, os produtos agrícolas subirán os prezos porque non poderán repercutir nos custos debido a que o consumidor non terá capacidade abondo para afrontar a suba da maioría dos produtos. En elementos industriais pode xogarse con algún tipo de financiamento e así os efectos vanse amortecendo durante un período de tempo. A cuestión é que a afectación inclúe a todos, hai moi poucos produtos que se salven do incremento de prezos. A inflación pode pechar este mes sobre un 8%, algo que non se vía desde a década dos 80. Unha inflación tan alta é espectacular debido a que os países xa se afixeron a traballar con inflacións pequenas. Dentro da UE creáronse medidas para non pasar do 2% de inflación. Nun período como o actual o diñeiro perde valor, pois se se devalúa nunha porcentaxe continua cada mes, é moi difícil frear os efectos da inflación, sobre todo na relación prezos con salarios.
-A UE quere acelerar as renovables e posiblemente a nuclear. Esta aposta polas renovables pode reducir a dependencia do petróleo e gas ruso e os custos da enerxía?
Había que potenciar as renovables e reducir a dependencia do gas e da enerxía nuclear. Cada país ten a súa estratexia enerxética. España non depende tanto do gas ruso, ten un contrato con Alxeria para a subministración deste produto, a pesar do corte nun dos gasoductos. Non obstante, este gas non podemos pasalo cara Europa por non haber gasoductos que vaian ao sur de Francia. Por tanto, si se deben potenciar as renovables mais é un proceso que leva o seu tempo, a medio prazo. Isto fará que políticos e a cidadanía apoiarán este tipo de enerxías, porque non debemos esquecer isto, Europa é moi dependente das importacións enerxéticas. A política enerxética española está encamiñada cara as renovables.
-Cales serían os produtos galegos con mellor saída no mercado dentro da actual coxuntura política e económica europea?
Os mesmos que agora, automoción, téxtil ou pesca entre outros. Teñen boa imaxe, cuns mercados xa moi definidos e as exportacións galegas son importantes. Un exemplo, o viño galego, un produto recoñecido mesmo en Chicago. O produto tradicional ten mercados moi interesantes e por tanto as exportacións deben seguir mesmo nestes momentos.
A cuestión é que a afectación inclúe a todos, hai moi poucos produtos que se salven do incremento de prezos.
-Sempre se fala do I+D+i como unha saída económica de futuro. Dado que os países europeos reduciron o gasto en defensa durante os últimos anos, e tendo en conta a actual situación bélica, cre que os países da UE incrementarán fondos I+D+i para defensa?
Si, claramento. Temos en conta que a OTAN é unha entidade xurídica mais o gasto dos países europeos en defensa é pequeno. O sector militar e o de intelixencia están moi ligados ao I+D+i e agora, en Europa, caemos na conta que a fin da Guerra Fría non era igual á ausencia de guerras neste continente. Será interesante observar como se pode ir incrementado a investigación militar nun futuro. Isto último redundará nas universidades e lembremos que Galicia ten tres, cada unha especializada nunha área. Isto non só en aquilo referente a defensa, senón tamén en relación a cuestións xeopolíticas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.