Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/03/2022 | Actualizada ás 20:00
A banda de rock galega ITH vén de presentar o videoclip do seu tema "Medo a perder", e faino en colaboración coa artista Mercedes Peón para "mandar ben lonxe a mensaxe 'non aos macroeólicos'".
Este tema, que se atopa no seu álbum 'O mínimo que o contén todo' e que agora se regrava, "non foi unha escolla ao chou", explica o grupo. "Seleccionámola conscientemente para poder denunciar o que grandes compañías e multinacionais do sector eléctrico pretenden facer no rural galego, o espolio das nosas terras para colocar macroeólicos de forma indiscriminada e acabar coa vida, a natureza, a nosa paisaxe natural, o sector gandeiro, e perpetuar a tendencia á despoboación", proseguen.
Así pois, ITH e Mercedes Peón buscan poñerse ao carón de "milleiros de persoas, plataformas e asociacións veciñais que loitan día a día por mater o seu fogar e as súas terras intactas". "A todas elas", din, "vai dedicado este videoclip". Nel colaboraron tamén con veciñanza da comarca de Ordes, unha das máis afectadas polo impacto dos proxectos eólicos planeados nos últimos anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.