Defensa elimina os nomes franquistas de rúas do Arsenal de Ferrol

O colectivo de presos e presas políticos de Ferrol na ditadura denuncia o "reiterado incumprimento da Lei de Memoria Histórica" por parte do Ministerio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2022 | Actualizada ás 10:55

Comparte esta noticia

A ministra de Defensa, Margarita Robles, autorizou cambiar os nomes franquistas de nove rúas do Arsenal Militar de Ferrol, tal e como recolle unha resolución publicada o pasado 18 de marzo no Boletín Oficial de Defensa. En concreto, as rúas que cambiarán de nome serán Almirante Fernández Martín, Almirante Vierna, González Llanos, Salvador Moreno, Marqués de Alborán, Soldado Lois, Crucero Baleares, Cándido Pérez, Almirante Honorio Cornejo.

Nun comunicado remitido aos medios, o colectivo de presos e presas políticos de Ferrol na ditadura sinala que esa resolución asegura que a decisión se toma para "optimizar" a eficiencia na organización do arsenal de cara a unha "mellor identificación física dos seus diferentes organismos, unidades e servizos".

Con todo, o colectivo considera que "a realidade é que Defensa non toma esta decisión por vontade propia" e lembra que, hai poucos meses e a pesar da aprobación no pleno de Ferrol dunha moción que pedía o cambio de nomes desas vías, o ministerio contestaba que os nomes non vulneraban o establecido na lei e a normativa española xa que lembraban a "membros da Armada ou buques con vinculación coa cidade de Ferrol".

Así as cousas, o colectivo sostén que Defensa non toma esa resolución por motivos "organizativos", senón despois de que os presos e presas políticas de Ferrol durante a ditadura presentasen unha denuncia ante a Fiscalía polo "reiterado incumprimento da Lei de Memoria Histórica polo ministerio de Defensa, mantendo a simboloxía franquista en instalacións de Defensa", algo que consideran que podería ser "constituvo de delito".

"Celebramos ese cambio de actitude do ministerio de Defensa, resultado da mobilización cívica, pero queremos que se fale con claridade de eliminación de simboloxía franquista", subliña o colectivo, que propón que estas vías reciban o nome de militares que en 1936 defenderon en Ferrol a legalidade como, entre outros, o contraalmirante Antonio Azarola, xefe do Arsenal, asasinado os fascistas.

Por último, lembra que tamén queda simboloxía franquistas noutras instalacións de Defensa de Galicia, que honran a golpistas e criminais, como a "gran cruz dos Caídos por Deus e por España" situada na igrexa castrense de San Francisco de Ferrol.

Arsenal do Porto de Ferrol
Arsenal do Porto de Ferrol

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta