Transporte: Continúan as detencións por picar rodas de camións

Centos de camións e tractores preparados para paralizar Santiago e Ferrol. A Xunta urxe ao Goberno unha saída "dialogada" ao paro de transporte e insiste na activación de corredores seguros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/03/2022 | Actualizada ás 12:48

Comparte esta noticia

Axentes da Garda Civil de Ourense detiveron a tres homes tras ser sorprendidos cando picaban as rodas dun camión no Polígono de San Cibrao das Viñas. Segundo informou o Instituto Armado, este pasado martes no Polígono de San Cibrao das Viñas foron detidos un veciño de 55 anos de Coles e outros dous de Ourense de 49 e 60 anos, como presuntos autores dun delito de danos.

Decenas de camións concentrados no polígono Costa Vella de Santiago, antes de saír á marcha durante o oitavo día de paro indefinido no sector do transporte, a 21 de marzo de 2022, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). O sect. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Decenas de camións concentrados no polígono Costa Vella de Santiago, antes de saír á marcha durante o oitavo día de paro indefinido no sector do transporte, a 21 de marzo de 2022, en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (España). O sect. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

NOVAS PROTESTAS

Centenares de camións, furgonetas e maquinaria agroforestal regresaron este mércores ás estradas de Santiago e Ferrol no décimo día de paro no transporte, ao que se foron sumando nas últimas xornadas máis colectivos e sectores en protesta polo prezo dos combustibles e a enerxía. A lenta marcha provocou retencións na entrada norte da capital galega pola N-550 e na estrada de Castela de Ferrol, onde a caravana transcorreu desde o polígono de Río do Pozo cara ás localidades de Narón, Neda, Fene e a cidade naval.

En Santiago, desde primeira hora da mañá centenares de tráileres, camións, tractores, maquinaria agrícola e formigoneiras fóronse concentrando no polígono da Sionlla, nas proximidades da planta de Finsa. Alí permaneceron ata pasadas as 12,00 horas, cando deu comezo unha marcha dirixida cara ao centro da capital galega aínda que por un camiño diferente ao emprendido o pasado luns.

Nesta ocasión, a caravana dirixiuse ao polígono do Tambre. Unha patrulla da Policía Local regulaba a incorporación dos participantes na marcha á N-550 á altura de Finsa. Baixo o son dos cláxons e bucinas, o desfile lento de camións e vehículos de todo tipo retardou a circulación no polígono industrial de Santiago, onde ás 19,00 horas deste mércores terá lugar unha concentración fronte á sede do concello convocada por Apetamcor, principal asociación que secunda os paros en Galicia. A protesta diríxese ao centro da capital galega para volver marchar pola avenida de Lugo-

En Ferrol, os transportistas, agricultores, gandeiros e membros doutros sectores que secundan os paros volveu retardar a circulación nos accesos ás localidades de Neda, Ferrol, Fene e Narón. O polígono de Río do Pozo foi outra vez o lugar elixido para o agrupamento dos participantes na protesta. Desde alí partiron pasadas as 10,00 horas deste mércores en dirección ás principais vías de acceso do centro da comarca de Ferrolterra.

XUNTA

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, urxiu ao Goberno central unha saída "dialogada" para poñer fin ao paro de transporte, á vez que insiste que se poñan en marcha corredores seguros nos que poder mover mercadorías.

En resposta a unha interpelación do BNG no pleno do Parlamento galego, Corgos referiuse aos niveis "inasumibles" da inflación nas últimas semanas, de forma que avisa de que "non valen receitas tradicionais ante un shock de proporcións non vistas" desde a crise de petróleo dos anos 70. Corgos cre "urxente" que o Executivo central active un "plan de choque" co que actuar ante este "shock", pero lamenta as "propostas cero" do Goberno. Remarca que Galicia trasladou diversas medidas esta semana ao Estado que non se puxeron en marcha, tales como baixar a fiscalidade de combustibles. Así mesmo, o responsable de Facenda defendeu que a Xunta "fai os seus deberes".

Noa Presas (BNG) referiuse á "situación límite" que se vive en Galicia derivada da inflación e a guerra de Ucraína, o que "condiciona o conxunto da economía glalega que xa estaba ferida" pola pandemia e as "debilidades" do modelo económico e unha crise industrial. Sobre esta cuestión, a deputada nacionalista sostén que o Executivo galego "ten unha responsabilidade fundamental", "ten marxe para actuar e non o están facendo". Reclama que "tome decisións políticas", porque "non se pode permitir que estean instalados na parálise".

Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, pediu ao Goberno de España que "abandone a arrogancia" e "sente a dialogar de maneira urxente".A conselleira asegurou que "a resposta do Goberno está a causar un colapso á economía". Así mesmo, afirmou que as consecuencias desta situación resultan "insustentables e, a este paso, irreparables". Tamén esixiu ao Executivo "que saque a venda dos ollos e tome en serio o paro de transporte".

ERTES CONSECUENCIA DA FOLGA

Cando se cumpren dez días do paro do transporte, as empresas galegas empezan a verse afectadas as súas liñas de produción, o que levou ao Grupo Ingapan a activar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), mentres a situación crítica leva a exporse esta medida noutras compañías como a madeireira compostelá Finsa e na siderúrxica Celsa Atlantic.

No caso de Ingapan, incluíronse a 277 persoas do seu catro fábricas de Lugo, debido á falta de materias primas e subministracións (como envases e embalaxes). Afecta a catro factorías --dúas en Lugo, unha en Begonte e outra en Outeiro de Rei--.

DETENCIÓNS

Galicia suma xa un total de 12 persoas detidas e 491 identificados desde o inicio do paro no transporte de mercadorías, que vive este mércores a décima xornada de protestas. As cifras foron achegadas polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, quen, en declaracións aos medios este mércores na Coruña, sinalou que non se pode "obviar" a "gravidade" do que está a suceder na Comunidade galega.

O representante do Executivo central denunciou danos en vehículos e "coaccións" a camioneiros como "o caso do Ceao e Ourense" e engadiu que ten coñecemento de que tiraron "pedras" desde os viadutos aos camións, feito que cualificou de "gravísimo" pola consecuente "perda de seguridade" nas autovías de alta densidade.

COMESAÑA

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, trasladou este mércores a súa preocupación pola situación da folga de transportistas e como afecta o ámbito sanitario. "Se isto durase moito máis desta semana poderiamos ter problemas importantes", avisou.

Así o manifestou o titular de Sanidade nunha visita ao concello ourensán de Boborás onde, a preguntas dos medios, asegurou que están "preocupados". Comesaña expuxo que durante toda a semana pasada a diminución na entrada de material sanitario "foi do 60%", na plataforma loxística que concentra tamén o transporte, en Negreira, onde reciben a provedores e fornécese aos hospitais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta