Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 29/03/2022 | Actualizada ás 15:54
Ferrol acollerá do 7 ao 9 outubro a cuadraxésima edición do HispaCon, o festival de xéneros fantásticos máis antigo de España, xa que se celebra desde o ano 1969. Será a segunda vez que esta convención se celebra en Galicia, tras Santiago de Compostela en 1999.
O concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, e a presidenta da asociación Pórtico, Blanca Rodríguez, presentaron na mañá deste martes unha iniciativa que, segundo o edil, "porá a Ferrol no mapa". As áreas de Cultura e de Muller e Xuventude colaboran na chegada do festival a Ferrol, que nas dúas últimas edicións tivo que desenvolverse telematicamente pola pandemia.
O concelleiro subliñou a repercusión que terá esta iniciativa. "É un festival de prestixio que convoca a preto de medio milleiro de persoas e este ano hai unha gran expectación porque volve celebrarse de maneira presencial desde 2019", sinalou.
Sobre a oferta, Golpe lembrou que o HispaCon atraerá á cidade "todo tipo de creadores, autores, debuxantes, cineastas, desenvolvedores de videoxogos ou xogadores de rol" e apuntou que a mocidade terá "moito campo" nesta edición.
A presidenta de Pórtico (Asociación Española de Fantasía, Ciencia-Ficción e Terror), Blanca Rodríguez, expresou a súa alegría por que o festival se celebre en Ferrol, a súa cidade natal.
"Desde o principio tivemos unha acollida boísima e un apoio absoluto", afirmou antes de engadir que a aposta deste ano é "moi forte", con "convidados de moitísimo nivel internacional, persoas que nunca visitaron España, ademais de grandes creadores de Galicia e do resto de España".
Aínda que o groso do programa se centralizará no Centro Torrente Ballester, haberá actividades noutras localizacións, como o Teatro Jofre, o antigo Hospicio ou as rúas do barrio da Magdalena.
Así, avanzou a asistencia da escritora galesa Jo Walton, Jesús Cañadas ou Ledicia Costas e a celebración, o día 8, da cerimonia de entrega dos prestixiosos premios Ignotus, "os Goya do fantástico", precisou Rodríguez.
Tamén se gravará, con público, o podcast "Misterios e cubalibres". Para facilitar a asistencia e favorecer a conciliación, organizaranse actividades infantís ao mesmo tempo que as destinadas ao público adulto.
"Estamos moi contentos de poder traer este evento a Ferrol", finalizou a presidenta de Pórtico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.