O futuro inmediato que nos agarda: máis días e noites de calor que causarán estragos no campo e na saúde humana

Científicas da Universidade de Vigo avisan de que os eventos de calor extrema aumentarán en España nos próximos anos. Outros estudos con participación galega achegan máis avances e coñecemento para comprender e combater o cambio climático.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 02/04/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A pandemia de covid-19, primeiro, e agora a guerra en Ucraína, empurraron a emerxencia climática a un segundo plano. Pero o cambio climático segue sendo o maior reto ao que se enfronta a humanidade, pois as súas consecuencias globais xa empezan a ser catastróficas e irán en aumento: máis secasdesertizaciónondas de calor mortaisincendios máis virulentos e daniños para a saúdefenómenos climatolóxicos cada vez máis extremosinundacións polo aumento do nivel do martropicalización dos maresalteración e destrución de ecosistemasextinción de especiesmillóns de desprazados climáticospropagación de enfermidadesperda de terreos agrícolasmáis pobreza… Os efectos son case innumerables e ninguén escapa deles.

Calor extremo
Calor extremo | Fonte: EP.

Malia que a crise climática non ocupa agora un espazo central no debate público, desde a ciencia séguese traballando para achegar máis coñecemento sobre o problema desde múltiples perspectivas. Unha delas é o progresivo aumento da frecuencia e intensidade de eventos extremos. Dentro destes, estase constatando un incremento das temperaturas extremas, un problema que se agravará nas próximas décadas, segundo os modelos científicos. Para España, de aquí ao 2050 “prevese un forte aumento significativo dos días cálidos e das noites cálidas”, segundo un novo estudo de Nieves Lorenzo e Inés Álvarez, investigadoras do Laboratorio de Física Ambiental (EphysLab) do Centro de Invetigación Mariña da Universidade de Vigo.

O estudo fíxose utilizando simulacións de modelos climáticos rexionais do proxecto proxecto EURO-CORDEX, que ofrece simulacións de modelos climáticos sobre Europa a unha escala de aproximadamente 12 quilómetros de resolución considerando os resultados das simulacións dos modelos globais do Proxecto de Intercomparación de Modelos de Clima Axustados Fase 5 (CMIP5, nas súas siglas en inglés, Coupled Model Intercomparison Project Phase 5). Detalladamente, primeiro analizaron os datos e cambios de temperatura rexistrados no período 1971-2000 en España e, logo, realizaron proxeccións de calor extrema para o período 2021-2050 para dous escenarios de cambio climático, o RCP 4.5 e o RCP 8.5.

O estudo prognostica “un aumento significativo das temperaturas extremadamente cálidas en toda España” no período 2021-2050

A comunidade científica internacional traballa con catro escenarios diferentes nas súas proxeccións sobre o cambio climático, asumindo diferentes niveis de esforzo de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro a nivel global; en cada un destes escenarios teríanse diferentes impactos do cambio climático. Así, o escenario RCP 2.6 é o máis optimista, cunha redución de gases; os RCP 4.5 e RCP 6.0 son os de estabilización das emisións, e o RCP 8.5 é o escenario extremo, cun nivel moi alto de emisións seguindo a tendencia actual de aumento a nivel global. É cos escenarios 4.5 (intermedio) e 8.5 (extremo) cos que máis traballa a comunidade científica, dados os escasos e lentos pasos que se deron até agora para frear as emisións de gases de efecto invernadoiro.

Aínda que existen estudos con proxeccións a longo prazo, até o ano 2100, neste caso as investigadoras da UVigo optaron por proxeccións climáticas ata o 2050, xa que “coñecer os efectos a curto prazo do cambio climático é importante para tomar as medidas adecuadas que axuden a mitigar as súas consecuencias a longo prazo”, xustifican.

Os resultados do seu estudo prognostican “un aumento significativo das temperaturas extremadamente cálidas en toda España”, cun “forte aumento significativo dos días cálidos e das noites cálidas”. As súas simulacións tamén proxectan “días de verán e noites tropicais máis frecuentes na maior parte do territorio”.

En ambos os dous escenarios (RCP 4.5 e RCP 8.5) “calculan un importante incremento do número de días cálidos en todo o territorio respecto da climatoloxía actual”. Con todo, a magnitude do quecemento proxectado no escenario RCP 8.5 é superior á do escenario RCP 4.5. O maior número de días cálidos obtense en toda a zona central da península ibérica e os Pireneos, con valores arredor do 20-22% dos días, datos que “indican un cambio importante no incremento do índice en relación ao patrón observado para o período 1971-2000, onde a media foi do 9-10% dos días”. No caso de Galicia, os datos apuntan incrementos entre o 12-18%, aproximadamente.

NOITES CÁLIDAS E TROPICAIS

Segundo os resultados do modelo de proxeccións futuras, o número medio de noites cálidas tamén aumentará en todo o territorio para ambos os dous escenarios. Os valores máis altos do índice de noites cálidas (45% dos días) obtéñense na costa mediterránea e na conca do Ebro, cun maior quecemento proxectado no RCP 8.5. Estes tamén son datos preocupantes, xa que a porcentaxe media anual de noites cálidas no conxunto de España entre 1971 e 2000 foi de arredor do 10% dos días. No caso de Galicia, a porcentaxe de días con noites cálidas aumentaría entre un 30-35%, aproximadamente.

As proxeccións indican que o aumento de noites cálidas será mesmo superior ao de días cálidos en todo o territorio do Estado

Un dos resultados máis substanciais destas proxeccións é que o aumento índice de noites cálidas será superior ao de días cálidos en todo o territorio, concentrándose o maior incremento na zona sur, a costa mediterránea e Illas Baleares. “Estes datos indican un aumento significativo das noites cálidas en relación ao patrón observado para o período 1971-2000, incluso duplicándose nalgunhas zonas os cambios observados nos días cálidos”, apuntan as autoras do estudo. No caso de Galicia,

As investigadoras tamén calcularon o índice de días de verán, o cal, din, “pode proporcionar información sobre posibles impactos sobre secas, incendios forestais e saúde humana, entre outros”, e “axudar a previr efectos adversos en múltiples sectores como a agricultura ou a saúde humana”. Os datos revelan os valores máis altos no sur e ao longo da costa mediterránea, incluíndo a conca do Ebro e Illas Baleares. O número de días de verán diminúe cara ao norte.

As simulacións para o período 2021-2050 proxectan un aumento xeral do número medio de días de verán para ambos os dous escenarios (RCP 4.5 e RCP 8.5). Os valores máis altos obsérvanse en toda a zona sur con valores máximos arredor dos 200 días sobre a conca do Guadalquivir. Baleares e a conca do Ebro presentan tamén un importante incremento, con valores que poden superar os 160 días. No caso de Galicia, ese aumento sería de entre cero e 125 días, dependendo da zona, sendo a área costeira norte a menos afectada e o interior, a máis.

Ao comparar as proxeccións de días de verán coas do período 1971-2000, observaron que o aumento é “significativo” en toda España. Os cambios correspondentes ao escenario RCP 4.5 mostran a maior diferenza en zonas de montaña como os sistemas Ibérico e Central, chegando ata 35 días máis que no período 1971-2000. Os datos indican un aumento medio de 25-30 días de calor verán para o resto do territorio, agás na zona máis ao norte, onde “os cambios non experimentan un aumento significativo”, apuntan. Mentres, os resultados para o escenario RCP 8.5 mostran unha distribución espacial similar, aínda que a cantidade de días de verán proxectados é maior que para o escenario RCP 4.5.

A análise do índice de días de verán complementouse mediante un segundo valor límite de 35 °C, limiar 10 °C por riba do índice de días de verán, para definir extremos máis fortes que poden aumentar a mortalidade humana, o consumo de enerxía e os impactos negativos na agricultura. Así, o maior número de días con temperatura superior a 35 °C no período 1971–2000 concentrouse na zona sur, con valores ao redor de 70-80 días.

Ao facer as proxeccións para o período 2021-2050, as científicas comprobaron que a zona sur seguirá sendo a que soporte máis días por enriba de 35 °C, especialmente na conca do Guadalquivir, cun importante incremento do número de días de calor extrema por enriba dese limiar, até 110 días ao ano. En Galicia, o impacto sería arredor de dez veces menor.

“As altas temperaturas dominarán significativamente España, aumentando o risco de secas e as consecuencias negativas para a saúde humana”

Os cambios para este valor son “significativos” en case todo o territorio español. “A diferenza máis significativa pódese observar na zona sur, con aumentos previstos de ata 25 días para o escenario RCP 4.5 e 30 días para o escenario RCP 8.5. Tamén se observa un aumento significativo (20 días) sobre a conca do Ebro para ambos os escenarios. No resto do territorio tamén se pode observar un aumento do índice de días con temperaturas por riba dos 35 °C, por debaixo do valor medio (9 días)”, detallan as investigadoras.

Respecto aos cambios nas noites tropicais (temperatura mínima por enriba de 20 °C), segundo os resultados do modelo para o futuro próximo, non atoparon cambios notables en toda a zona norte. Os resultados de ambos os dous escenarios mostran un aumento do índice de noites tropicais para a zona sur, a costa mediterránea, a conca do Ebro e as Illas Baleares. Os valores máis altos (80–90 días ao ano) detéctanse sobre a conca do Guadalquivir.

Neste apartado, “prevese un aumento significativo de ata 20-25 días nas noites tropicais na rexión sur e ao longo da costa mediterránea”, expoñen as científicas da UVigo, que apuntan que “os resultados baseados no escenario RCP8.5 mostran un grande aumento deste índice, especialmente na costa mediterránea e nas Illas Baleares, onde se esperan aumentos duns 30-35 días”.

En resumo, as investigadoras salientan que, “segundo os resultados do modelo de proxeccións futuras, haberá un aumento significativo no número de eventos calor extrema en toda España para ambos os escenarios”.

“Os resultados obtidos aquí mostran que no futuro próximo espérase que se produzan importantes condicións máis cálidas. O aumento dos días cálidos e das noites cálidas será moi intenso e os extremos cálidos máis fortes serán máis frecuentes, especialmente na zona sur. Así, as altas temperaturas dominarán significativamente España, aumentando o risco ambiental de secas e as consecuencias negativas para a saúde humana”, avisan.

IMPACTOS MEDIOAMBIENTAIS, ECONÓMICOS E SANITARIOS

Porque, como recordan estas científicas, “o aumento da temperatura é un dos factores máis importantes con efectos directos sobre a saúde”, provocando “hospitalizacións por causas cardiovasculares e respiratorias” e un “aumento da mortalidade”.

Pero tamén ten impactos na economía, xa que “o aumento de días cálidos e noites cálidas tamén pode causar grandes impactos na sociedade que afectan á demanda e subministración de enerxía, e as infraestruturas de distribución”, advirten as expertas. Así, por exemplo, “un aumento da temperatura pode acelerar o envellecemento dos transformadores ou provocar perdas de eficiencia”, expoñen.

Ademais, as temperaturas extremas tamén poden ter “efectos negativos sobre a agricultura e os ecosistemas, coa intensificación das secas que afectan a fertilidade e a produtividade dos cultivos”, proseguen.

“O aumento da frecuencia de noites tropicais podería ter graves impactos nas condicións de vida na rexión sur de España e ao longo da costa mediterránea"

Nieves Lorenzo e Inés Álvarez poñen tamén o foco sobre as áreas que probablemente serán máis castigadas por máis noites tropicais, pois “o aumento da súa frecuencia podería ter graves impactos nas condicións de vida na rexión sur de España e ao longo da costa mediterránea, sendo necesarias medidas de adaptación socioeconómica das poboacións como a mellora dos sistemas de refrixeración e a atención sanitaria especial para persoas maiores e nenos”, subliñan.

Por todo isto, consideran que “é necesario realizar estudos que analicen proxeccións futuras de variables climáticas como a temperatura para mellorar a capacidade de adaptación ao clima, así como a calidade de vida da poboación”.

Os resultados do estudo veñen de publicarse na revista científica internacional Natural Hazards.

AVANCES GALEGOS CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO

Ademais deste estudo, investigadores de Galicia veñen de publicar máis achegas científicas para comprender e combater mellor o cambio climático.

Relacionado co impacto das temperaturas na saúde humana, un grupo internacional de científicos do que forma parte Dominic Royé, do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), vén de publicar en Nature os resultados dun estudo estudo sobre o uso de datos da ferramenta de reanálise ERA5 en epidemioloxía para estimar a mortalidade asociada á calor e o frío en máis de 600 cidades do mundo.

ERA5 é unha ferramenta do Centro Europeo de Previsións Meteorolóxicas a Medio Prazo para a vixilancia global climática. Trátase dunha reanálise do clima global do planeta, cunha alta resolución espacial e temporal que permite entender mellor o clima recente na Terra. A ferramenta é libre e gratuíta.

Segundo o grupo de científicos no que participa Royé, o seu estudo é “a primeira análise completa en varias rexións para avaliar a idoneidade da xeración máis recente de conxuntos de datos de reanálise para as avaliacións de impacto na saúde e avaliar o seu rendemento comparativo con datos tradicionais baseados en estacións”. En resumo, “o noso estudo proporciona a primeira comparación completa entre a reanálise e os datos baseados en estacións para modelar asociacións de temperatura e mortalidade a escala global”, explican.

O obxectivo do estudo foi demostrar que a reanálise do clima “pode proporcionar substitutos fiables da temperatura para estudos epidemiolóxicos a escala global, ofrecendo así unha fonte alternativa de variables de exposición”. E os resultados avalan o ERA5, xa que as análises revelaron que “a temperatura ambiente extraída de ERA5-Land é xeralmente adecuada para dilucidar os efectos do estrés térmico sobre a mortalidade”.

Os científicos consideran necesario cada vez máis "implicar os cidadáns na avaliación e xestión das inundacións en zonas urbanas"

Por outro lado, Luís Cea, da Universidade da Coruña, e Pierfranco Costabile, da Universidade de Calabria (Italia), veñen de publicar outro estudo, na revista científica internacional Hydrology, no que abordan a modelización e xestión dos riscos de inundacións nas áreas urbanas, “cada vez máis recoñecidos como desafíos globais”, apuntan.

Estes investigadores advirten de que “se agarda que o alto grao de vulnerabilidade que caracteriza as áreas urbanas aumente no futuro debido aos efectos do cambio climático, o crecemento da poboación que vive nas cidades e a densificación urbana”.

Para eles, “a crecente concienciación sobre as perdas socioeconómicas e o impacto ambiental das inundacións urbanas reflíctese claramente na recente ampliación do número de estudos relacionados coa modelización e xestión das inundacións urbanas, ás veces no marco da adaptación ao cambio climático”, comentan.

Como salientan, trátase dun asunto complexo, xa que existen “varias fontes de risco distintas, que inclúen non só as inundacións fluviais, mareomotriz e costeiras, senón tamén a exposición á escorrentía urbana e a falla de drenaxe local, e as distintas estratexias de xestión que se poden propoñer”.

Por todo isto, fixeron unha revisión dos avances recentes na modelización e xestión do risco de inundacións e das perspectivas futuras neste campo. Entre os avances no desenvolvemento de modelos numéricos de inundación destacan as ecuacións 2D de augas pouco profundas totalmente dinámicas, a maior dispoñibilidade de datos dixitais e modelos de moi alta resolución, os modelos 1D-2D de drenaxe dual, etc.

Con todo, observan que “o principal reto dos próximos anos probablemente non se centrará no desenvolvemento de novos modelos de inundación urbana, senón en explotar plenamente as capacidades dos reais, para aproveitar datos de entrada de alta precisión”.

E observan na comunidade científica un “aumento do interese e a actividade investigadora, que probablemente continuará nos próximos anos, sobre os aspectos sociais das inundacións e como implicar os cidadáns na avaliación e xestión das inundacións, xa que se recoñeceu que esta é a única forma de aproveitar toda a información técnica que se está xerando globalmente mediante a aplicación das directivas nacionais e internacionais de inundacións”, conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta