Ameaza de folga na refinaría da Coruña tras a morte dun traballador: "esiximos que nos reciban xa"

Operarios de empresas auxiliares secundan un paro ante a factoría para esixir á dirección que se reúna cos sindicatos. O obxectivo é revisar os protocolos para evitar que se repitan accidentes coma o do pasado sábado. Dende a CIG xa adiantaron que as mobilizacións seguirán adiante no curto prazo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2022 | Actualizada ás 12:17

Comparte esta noticia

Traballadores de empresas auxiliares de Repsol na refinaría da Coruña concentráronse ás portas da empresa para secundar un paro ata que a dirección reciba á comisión formada por estes empregados. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, explicou que a última hora do martes foi celebrada unha asemblea na que acordaron nomear unha comisión de representantes dos traballadores das empresas auxiliares e elaboraron unha "táboa reivindicativa". Todo despois da morte dun traballador de 35 anos tras sufrir un accidente laboral o pasado sábado.

Esta comisión, formada por representantes e ligazóns sindicais, esixiu á dirección que os recibise "de inmediato". "Repsol non nos dá cita ata o próximo 5 de abril", indicou Carril, quen asegura que as reivindicacións que teñen "non poden esperar máis tempo". En consecuencia, a decisión que tomaron é a de "proseguir o paro ata que Repsol non reciba á comisión, escoite as reivindicacións e dea solucións". Carril anunciou durante a concentración que este mércores, ás 18,30 horas, celebrarase unha nova asemblea para valorar "os pasos a seguir".

CONCENTRACIÓN

Os traballadores, varios centenares, apostáronse nos dous accesos principais que hai na refinaría, tanto Nostián como en Bens. Así mesmo, realizarán "unha pequena visita" no porto exterior onde tamén "están paradas as obras, afectadas por esta situación", segundo explicaron. Fixérono nunha protesta que na zona da refinaría provocou á primeira hora da mañá problemas no tráfico.

O secretario xeral da CIG sinalou que, ás 20,00 horas, Repsol ten previsto "dar por acabada" a paralización das obras de parada, convocada tras o accidente e o falecemento do operario, e "pretende dar normalidade" á actividade sen atender a "ningunha" das reivindicacións que se están expondo. "Está a xerar un conflito innecesario", sentenciou. "Imos continuar en paro", engadiu. "A xente non vai incorporarse a traballar ata que non haxa unha solución a estas reivindicacións e unha interlocución con Repsol", insistiu.

Pola súa banda, o delegado sindical de Nervión, Esteban García, manifestou que "o máis importante" é saber como foi o accidente. "Non queremos botarlle a culpa nin a Nervión --empresa subcontratada-- nin a Repsol", pero engadiu que queren formar parte da investigación. "Repsol nestes momentos está a meterlle gasolina ao lume", denunciou.

REVISIÓN DE PROTOCOLOS

E é que os manifestantes reivindican que "se depuren responsabilidades e se aclare o sucedido" para definir unha revisión "absoluta e exhaustiva" de todos os protocolos para evitar que volva suceder un accidente como o do pasado sábado. Solicitan desde ambulancias medicalizadas 24 horas, equipos autónomos e mellora "absoluta e con garantía" dos equipos de protección individual. Paulo Carril asegura que o protocolo "en si" está "absolutamente superado".

Nas súas peticións engaden tamén unha "renegociación" de pluses referidos a os postos de traballo, "de parada, perigo e toxicidade". En canto ao sistema de alarmas e de seguridade demandan unha mellora "substancial e radical" ante o que cualifican como "lamentables" condicións de traballo en relación á operativa existente.

Concentración de traballadores de empresas auxiliares ante a refinaría da Coruña
Concentración de traballadores de empresas auxiliares ante a refinaría da Coruña | Fonte: Europa Press

NOVAS MOBILIZACIÓNS

A CIG informou tamén do mantemento dun minuto de silencio entre os traballadores dos estaleiros ferrolás en solidariedade co acontecido na planta coruñesa.

Segundo apuntan dende a plataforma, os actos reivindicativos continuarán adiante na planta coruñesa.s 18:30h", apuntaron, "farase unha nova asemblea na porta principal da refinería da Coruña para informar das novidades que haxa e acordar as novas accións mobilizadoras para esixir a que atenda as reivindicacións do persoal das contratas". A pantasma da folga queda así no aire nun momento particularmente delicado no que aos combustibles fósiles respecta. 

POSTURA DE UGT

En relación a estas protestas, o delegado sindical de UGT Repsol Ramón Gómez considerou que hai reivindicacións "non tanto de seguridade, senón salariais" e que o que se pide á empresa é que "vele polo cumprimento" das condicións para garantir a seguridade. Aínda que mostrou o respaldo de UGT ás demandas trasladadas, considerou que "non é o momento".

Pola súa banda, o delegado de prevención de UGT Repsol Pablo Barrio emprazou a esperar ao resultado da investigación sobre o accidente. "Se hai un culpable, aparecerá". "Estas cousas non se pode tolerar que pasen", dixo apelando a buscar "motivos e solucións"·. Tamén defendeu que a investigación se fai "desde o comité de seguridade e saúde interno", en resposta á petición de representantes de auxiliares de formar parte da comisión de investigación.

INÉS REY

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, trasladou este mércores as súas condolencias aos achegados do operario falecido tras un accidente na refinaría rexistrado o pasado sábado. Fíxoo ao comezo da rolda de prensa que ofreceu tras a Xunta de Goberno e nunha comparecencia para informar dos asuntos aprobados.

Así, empezou trasladando as súas condolencias e as de toda a corporación polo "triste falecemento" deste traballador dunha empresa subcontratada para traballos de mantemento. "O noso apoio á súa familia, amigos e compañeiros tras esta tráxica morte", dixo sobre o operario que resultou ferido xunto a outro compañeiro, aínda que no seu caso con feridas moi graves.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta