Mobilizados 500 axentes para controlar os 1,5 millóns de desprazamentos da Semana Santa en Galicia

A DGT prognostica que 36 persoas morrerán nestas festas, tres en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2022 | Actualizada ás 11:57

Comparte esta noticia

A Garda Civil reforzará os controis nas estradas galegas esta semana Santa nas que se prevén 1,5 millóns de desprazamentos. Farao cuns 560 axentes e máis de 1.600 dispositivos de control.

Así o informou o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, na presentación da Operación Especial de Semana Santa da Dirección Xeral de Tráfico (DGT) en Galicia. No acto, estivo acompañado pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; o xeneral xefe da Garda Civil de Galicia, Luís Francisco Rodríguez; a coordinadora da DGT en Galicia, Vitoria Gómez; e o xefe do sector de Tráfico da Garda Civil, Orentino Varela.

José Miñones, explicou que, para garantir a "boa marcha" desta operación, mobilizáronse "todos os recursos" do Centro de Xestión de Tráfico, así como a vixilancia da Garda Civil en Galicia que vai despregar estes días uns 560 axentes e efectuará máis de 1.600 dispositivos de control.

O lema da campaña da DGT de Semana Santa deste ano é 'Fagamos que o big data se equivoque', en referencia á previsión dos algoritmos que prognostican que 36 persoas perderán a vida nas estradas nestes días, tres delas en Galicia.

Miñones explicou que, por este motivo, van ser "inflexibles" na vixilancia e van pór "todos os medios" ao seu alcance para que todos volvan "sans e salvos" a casa. 

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presentaron este venres os datos da comunidade galega da campaña especial de tráfico con motivo da Semana Santa
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presentaron este venres os datos da comunidade galega da campaña especial de tráfico con motivo da Semana Santa | Fonte: Europa Press

23 FALECIDOS NO QUE VAI DE ANO

O delegado sinalou que no que vai de ano 23 persoas perderon a vida nas estradas galegas, sete mortes máis que o primeiro trimestre do pasado ano. Ademais, cualificou estas cifras de "insoportables", producidas polo exceso de velocidade, o consumo de alcol ou o uso de dispositivos móbiles, e fixo un chamamento á "prudencia" e ao "cumprimento das normas" para protexer a todos os usuarios das vías e reducir "ao máximo" a sinistralidade.

A Dirección Xeral de Tráfico prevé 1,5 millóns de desprazamentos nas estradas galegas durante a Operación Especial de Semana Santa, cuxa primeira fase arrinca ás 15,00 horas de hoxe venres 8 de abril ata a tarde do domingo día 10, onde se prevé o desprazamento de 375.000 vehículos.

A segunda fase, "moito máis voluminosa", segundo explicou o delegado, empeza ás 15,00 horas do mércores 13 de abril ata lle luns 18, onde a previsión é de 850.000 desprazamentos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta