A Xunta aproveita as axudas ás gasolineiras para cargar contra o Goberno central

Denuncian que o Executivo aprobou a rebaixa dos 20 céntimos sen dar un mecanismo ás empresas para manter as contas saneadas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/04/2022 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, avanzou este mércores que as estacións de servizo galegas teñen á súa disposición a liña de apoios que a Xunta puxo en marcha para que poidan facer fronte aos anticipos que están a avanzar ao ter que rebaixar 20 céntimos no litro de combustible aos seus clientes.

Nun comunicado remitido aos medios, Guldrís explica que a Xunta inclúe esta medida dentro do Plan de Choque que aprobou para facer fronte ao actual contexto económico porque o Goberno central puxo en marcha este desconto "sen facilitar un mecanismo de pago destes adiantos, o que está a provocar ás gasolineiras un problema de liquidez".

Segundo concretou, trátase dunha liña de reavais por 60 millóns de euros que ten como obxectivo facilitar liquidez a todas as empresas galegas --entre elas, as estacións de servizo-- para afrontar a alza no prezo de determinadas materias primas, como os combustibles. A contía dos préstamos oscila entre os 3.000 e os 300.000 euros, coa bonificación do 1,5% no tipo de interese.

No que se refire a os requisitos para acceder son: que o incremento do custo das materias primas estea por encima do 50% e o 20% no caso das gasolineiras; que o gasto en combustible e subministración eléctrica supoña, como mínimo, o 25% da súa factura do ano pasado; ou que se trate de empresas cunha exposición comercial nos mercados de Ucraína e Rusia.

Guldrís destacou a "predisposición e axilidade" tanto das Sociedades de Garantía Recíproca (SGT) como das entidades financeiras a formar parte desta colaboración e activar así esta iniciativa. De feito, en base a este convenio que a Xunta asinou esta mesma semana, vanse poder avalar, en total, operacións por un máximo de 80 millóns de euros.

Fernando Guldrís. COPYRIGHT: XOAN CRESPO
Fernando Guldrís. COPYRIGHT: XOAN CRESPO | Fonte: XOÁN CRESPO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta