Galicia, terra innovadora con ansia de traspasar fronteiras: 134 patentes solicitadas no 2021

O país mantense preto dos seus valores máis altos dos últimos anos, e a USC érguese como "referente" pola súa actividade patentadora dende os inicios.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Galicia é terra innovadora e con ansias de internacionalización. O ano 2021 pechou cun total de 59 solicitudes de patentes estatais e 75 solicitudes de patentes a nivel europeo. Desta maneira, de entre todas as autonomías do Estado, Galicia colócase no sétimo e no oitavo posto respectivamente. Así o indica o informe que vén de publicar ABG Intellectual Property con datos recollidos da Oficina Española de Patentes, que apuntan un lixeiro descendo do 1,67% con respecto ao ano anterior. Porén, tendo en conta o aumento do 17,6% do ano pasado, as cifras para Galicia seguen mostrándose positivas.  

Laboratorio de Farmacia na Universidade de Santiago
Laboratorio de Farmacia na Universidade de Santiago | Fonte: USC.

Así, tanto en solicitudes españolas como europeas, Galicia mantense preto dos seus valores máis altos dos últimos anos, segundo indica ABG Intellectual Property, que recolle tamén a meirande parte das patentes estatais solicitadas corresponden ás provincias da Coruña (30) e Pontevedra (25), ás que seguen Lugo e Ourense con dúas cada unha. 

Con todo, os números máis elevados de solicitudes de patentes atópanse a nivel europeo. "Isto denota unha preferencia da innovación galega por expandir a protección inicial dos seus desenvolvementos máis aló das fronteiras do Estado", explica Juan Arias, socio director de ABG, o que "pode percibirse como unha positiva mentalidade de internacionalización do negocio".

"A oficina de patentes europea goza de gran reputación a nivel mundial, e para as empresas galegas que teñen por obxectivo transferir ou licenciar a súa tecnoloxía, o feito de obter canto antes un informe de procura e opinión escrita sobre patentabilidade resulta fundamental, xa que representa unha ferramenta de gran valor para atraer e negociar licenzas con terceiros", explica Arias, que remarca que isto é particularmente importante para universidades e centros de investigación.

USC

De feito, en Galicia descata a actividade patentadora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), un "referente na creación de empresas tecnolóxicas", sinala ABG, que vén de lonxe. De feito, a USC leva facendo rexistro sistemático de patentes dos seus resultados de investigación dende o ano 1989, e ata o día de hoxe, presentou en España máis de 600 solicitudes, o que supón unha media de 20-40 novas solicitudes cada ano. Neste senso, segundo os datos facilitados pola propia USC, nos dous últimos anos concedéronselle á universidade un total de 50 patentes no 2020 e 36 no 2021, contando estatais e internacionais.

FOMENTANDO A INNOVACIÓN DENDE A MOCIDADE

A actividade innovadora agroma en Galicia desde a mocidade, futura solicitadora de patentes. Dende o Parque Tecnolóxico de Galicia - Tecnópole - participan no proxecto 'Ciencia e Tecnoloxía en Feminino' no que procuran aumentar a porcentaxe de alumnas que elixen estas especialidades xa na Educación Secundaria. No marco desta iniciativa, tres alumnas galegas veñen de recibir o primeiro premio do concurso a nivel estatal 'Propostas Innovadoras aos Retos para o Desenvolvemento Sostible', impulsado pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España -APTE-.

As rapazas gañadoras, Sabela Prada, Noa Vilas e Nerea Martínez, alumnas do colexio Santo Ángel de Ourense, crearon un vídeo no que propoñen a obtención de filamentos para impresión 3D a partir de botellas e envases PET. Trátase dunha solución á acumulación de plástico nos parques empresariais e tecnolóxicos que consiste nun sistema de recollida e almacenaxe de botellas e envases e a súa conversión en láminas, que se poderían destinar como material para imprimir en 3D. Segundo os seus datos, dunha botella poden extraerse 30 gramos de filamento. Proxectos coma este son, á fin, un exemplo de tantos de que Galicia tamén é sinónimo de innovación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta