Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2022 | Actualizada ás 13:37
A plataforma social Queremos Galego chamou a participar na súa tradicional manifestación do 17 de maio, Día das Letras Galegas, que se celebrará en Santiago --con saída ao mediodía da Alameda e chegada á Praza da Quintana-- co obxectivo de reclamar a "dignidade" da lingua galega. A lema que encabezará a marcha será: 'En galego agora e sempre. Por un novo futuro para a lingua galega'.
O acto foi presentado polo portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, que felicitou á sociedade galega pola súa "perseveranza e esforzo" polos avances logrados no último ano. Un deles, subliñou, foi a incorporación ao catálogo de Netflix de contidos en galego.
Ademais, tamén quixo destacar a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra Facenda por negar os dereitos lingüísticos. O fallo a favor da acusación terá "efectos inmediatos" nos dereitos das linguas no cómputo global das administracións do Estado.
O PEOR ÍNDICE DE COÑECEMENTO DO GALEGO
Tamén achegou datos da mala situación da lingua, como que menos dun 1% de pólizas e sentenzas son en galego ou que soamente un 8% das escolas infantís en cidades garanten o emprego do idioma propio de Galicia.
Respecto diso, Maceira mostrou a súa preocupación por que o 24% dos menores de 15 anos din ser incapaces de falar galego. Este dato é o "peor da historia do galego". Por todo iso, Maceira comentou que a sociedade galega está "soa" na defensa do galego. Para solucionar esta dinámica, o vogal advirte da necesidade de que os gobernos abandonen a actitude de "desprezo permanente" e garantan a presenza da lingua galega "en todo e para todos".
HAI FUTURO PARA O GALEGO
Outro aspecto que destacou Marcos Maceira son as emendas da Lei do audiovisual para garantir as cotas de contido audiovisual en galego. Aínda que foi promovido desde Galicia, a emenda manifesta que dúas das tres linguas cooficiais serán excluídas das cotas en determinados territorios. "A decisión é unha vergoña", explica Maceiras.
A pesar de que censura que a actual situación "imposibilita" vivir e falar en galego 24 horas en Galicia, Maceira é optimista co futuro da lingua. "Co esforzo colectivo da sociedade galega e das institucións, coa Xunta á cabeza, a situación do galego é reversible, hai futuro para a lingua galega", remarcou Maceiras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.