Por X.M. Fernández | Verín | 29/04/2022 | Actualizada ás 09:00
Este xoves, 28 de abril, tivo lugar a presentación do programa oficial da IV edición das Xornadas de Novela Negra “Personaxes de Novela” na Biblioteca Municipal de Verín. No acto participaron o alcalde, Gerardo Seoane, e a concelleira da área de Educación Cultura e Festexos, Emilia Somoza.
As xornadas están organizadas pola Biblioteca Municipal do Concello de Verín e teñen por obxectivo dar unha visión real sobre as personaxes que nelas normalmente aparecen. Para iso, Verín contará coa presenza de reputados escritores e profesionais que falarán en profundidade sobre moitas das claves deste xénero literario. O coordinador das mesmas será o xuíz e escritor Xosé Antón Vázquez Taín, e xunto a el contarase coa presenza de profesionais de gran altura e recoñecemento relacionados co mundo da seguridade cidadá --policías, gardas civís-- co mundo da forensía e da literatura.
Así mesmo, nas IV Xornadas de Novela Negra participarán voluntarias e voluntarios da Biblioteca de Verín presentando o evento e moderando conferencias.
O programa ao detalle está dispoñible na web da Biblioteca Municipal de Verín.
ASISTENCIA ÁS XORNADAS
Para acudir ás IV Xornadas de Novela Negra será preciso retirar entrada na Biblioteca do Concello de Verín ou pode facerse o pago da reserva por transferencia bancaria en ABANCA: ES83 2080 5168 1431 1001 4324. Despois de ingresar o importe das mesmas (2 euros por cada día), débese enviar un mail á conta biblioteca@verin.gal co xustificante de ingreso e nome e apelidos dos asistentes, o día ou os días para os que se quere as entradas, para que o persoal da biblioteca reserve as citadas entradas deixándoas no propio Auditorio para a súa retirada os días das Xornadas.
Segundo explicaron desde a organización esta medida busca un doble obxectivo. Por unha banda, evitar a retirada a entradas sen ter a certeza absoluta de acudir ao evento, que conleve a que xente realmente interesada quedase sen as citadas entradas; e por outra, conseguir unha colaboración simbólica coa Biblioteca Pública Municipal do Concello de Verín e as súas actividades de fomento á lectura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.