Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2022 | Actualizada ás 14:32
O pleno da Deputación de Pontevedra rexeitou a petición do Partido Popular dun plan provincial de axudas directas, a través dunha modificación de crédito orzamentaria, destinada a apoiar aos sectores económicos da provincia afectados pola inflación e o incremento desmesurado dos prezos.
A portavoz do PP, Pepa Pardo, explicou que "cunha inflación desbocada do 9,8%, por encima da maior parte dos países de nosa contorna, disparada pola escalada vertixinosa do prezo dos produtos enerxéticos, carburantes e materia prima, faise necesario que todas as administracións sen excepción e sen escusas adopten medidas urxentes, tamén a institución provincial".
O vicepresidente da Deputación e portavoz do BNG, César Mosquera, lembrou que neste mesmo pleno acabábase de aprobar, cos votos de PSOE e BNG e a abstención do PP, un suplemento de crédito de 1,5 millóns de euros para facer fronte ao incremento no prezo da enerxía eléctrica nas dependencias desta administración provincial e reiterou que "a Deputación non ten unha máquina de facer diñeiro" e ademais "non ten ningunha competencia e non pode intervir" nestes asuntos económicos, algo que lles corresponde ao Estado e ás Comunidades Autónomas.
O deputado responsable da área económica e portavoz do PSOE, Carlos López Font destacou a "falta de coherencia do Partido Popular" pedíndolle que "rectifique" a súa moción e que a dirixa á Xunta de Galicia "e que prediquen co exemplo".
Na súa quenda de réplica, Pepa Pardo citou o exemplo da Deputación da Coruña, presidida polo socialista Valentín González Formoso, na que se aprobou un programa de medidas urxentes para paliar o impacto do incremento do custo do combustible nos sectores agrario, gandeiro, pesqueiro e do transporte. "Son vostedes uns auténticos sectarios" acusou Pepa Pardo. A moción foi rexeitada cos votos do PSOE e BNG.
PROXECTOS EUROPEOS
O pleno tamén aprobou a segunda modificación de crédito por 799.083 euros. Segundo explicou López Font, a aprobación de tres proxectos europeos para a provincia de Pontevedra, coa mobilización dun total de 2.265.902 euros para mellorar o comercio, a xestión forestal e o emprego dun total de 22 concellos da provincia, leva á Deputación a modificar o seu orzamento para este ano co obxectivo de reservar as partidas necesarias para o cofinanciamento das actuacións previstas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.