Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2022 | Actualizada ás 13:31
A Xunta, a través dunha orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), estableceu este luns os servizos mínimos requiridos durante a xornada de folga nos diferentes centros do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar, fixada para este martes.
En concreto, lembra que se trata de servizos esenciais e que debe garantirse a asistencia aos seus usuarios, a continuidade dos seus tratamentos, así como os protocolos establecidos para evitar contaxios de covid-19. Para iso, nos centros asistenciais de atención residencial, a Xunta establece como Servizos Mínimos o número habitual de persoal xerocultor e de servizos xerais nunha xornada de fin de semana.
Pola súa banda, nos centros asistenciais de atención diúrna deberán estar, para atención directa, 0,10 profesionais por usuario, cun mínimo de 2; e un profesional de servizos xerais por centro.
Para as vivendas comunitarias establécense como servizos mínimos un traballador en quenda de mañá, un en quenda de tarde e un en quenda de noite, un deles con función de responsable covid. No Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero requírese a presenza do mesmo persoal que nun día festivo.
Finalmente, en relación ás escolas infantís amparadas no Consorcio, a Xunta fai fincapé na necesidade de respectar os grupos de convivencia estable durante a xornada de folga, tendo en conta que os alumnos non usan máscara e trátase de poboación sen vacinar.
Para iso, establece que a proporción de persoal cualificado coa que deberán contar os centros é dun número igual ao de unidades en funcionamento máis un. Tamén haberá dúas persoas de atención directa que garantan a apertura e o peche dos centros ao longo da xornada e unha persoa de servizos xerais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.