Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/05/2022 | Actualizada ás 16:32
A CIG-Servizos anunciou, en rolda de prensa, a convocatoria dunha manifestación para o vindeiro domingo, 8 de maio, co obxectivo de denunciar "a precariedade das traballadoras" do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e reclamar unha dignificación das súas condicións laborais. En concreto, na manifestación, que sairá ás 11,30 horas da Alameda de Santiago, reclamarase que se lles aplique a estas traballadoras o incremento salarial do 6,5% que se corresponde co IPC de 2021, así como que se elabore un convenio que permita mellorar as súas condicións laborais.
A manifestación inclúese na campaña de mobilizacións que está a desenvolver a CIG-Servizos no sector e que comezou a semana pasada en Vigo. Unha campaña na que, segundo informou a secretaria nacional, Transi Fernández, tamén están previstas concentracións ao longo de toda a semana.
A CIG informou de que en Galicia hai 250 empresas rexistradas de Servizo de Atención ao Fogar (SAF), para as que traballan unhas 8.000 persoas, o 95% mulleres. Con todo, só 4 actualizaron os salarios ao IPC real ao termo do ano 2021 a pesar de estar así contemplado no convenio. "O resto ou non pagou, ou está a abonar a metade, 3,1%, 3,2%", denunciou Fernández.
O sindicato advertiu á patronal de que non sentaría a negociar un novo convenio -pendente desde 2011--, ata que non se abone esta suba. "Se non son capaces de cumprir o convenio anterior, mal van cumprir o novo que se poida empezar a negociar", dixo a representante sindical.
A secretaria nacional de CIG-Servizos denunciou a precariedade laboral que sofren as traballadoras do SAF, con "contratos a tempo parcial" e, dependendo de cada concello, "cuns ou outros prezos das concesións".
Transi Fernández dixo que no convenio a negociar "tense que garantir que todas as empresas estean reguladas polos mesmos prezos", para evitar "esa pirataría que existe agora de ir moitas veces a concursar por 12 euros/hora".
A CIG-Servizos defende tamén unha redución de xornada semanal a 35 horas, porque "favorecería que estas compañeiras puidesen ter unha xubilación digna e unhas condicións salariais moitísimo mellores que as que teñen agora".
Ademais, reclama que se regule todo o que ten a ver coa contratación e que se computen como tempo traballado os quilómetros que fan as traballadoras para ir ao domicilio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.