O servizo de Axuda no Fogar critica o Concello de Santiago por "ignorar" a precariedade laboral

O comité critica que a empresa non está a aplicar a subida salarial recollida no convenio para o ano 2022, no que se establece que debe aplicarse o IPC do ano anterior desde o primeiro mes do ano.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2022 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

O comité de empresa de SERVISAR, S.L., empresa adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Santiago, acusou ao Concello de Santiago de "ignorar" as súas denuncias de deficiencias na empresa, así como "numerosos incumprimentos do convenio colectivo vixente".

Tal e como sinalan nun comunicado, solicitaron unha reunión no concello o pasado martes 19 de abril para tratar estes temas e "atopar solucións", pero aseguran que a día de hoxe non recibiron aínda ningunha contestación. O comité denuncia que a empresa non está a aplicar a subida salarial recollida no convenio para o ano 2022, no que se establece que debe aplicarse o IPC do ano anterior desde o primeiro mes do ano.

Aseguran ademais que a empresa está a descontar das nóminas de varias persoas traballadoras as horas non realizadas, o que é "totalmente ilegal e contrario ao establecido no convenio colectivo", xa que estas horas terían que recuperalas coa prestación de servizos futuros.

Solicitan tamén unha revisión dos cartóns de aparcar, xa que "non se axustan ás necesidades do servizo". Sobre isto explican que ao persoal "non se lle dá o tempo necesario para o desprazamento entre os diferentes domicilios aos que teñen que acudir ao longo da xornada laboral, polo que as auxiliares de axuda no fogar se ven obrigadas a recortar o tempo de atención ás persoas usuarias, o cal repercute negativamente na calidade so servizo".

Doutra banda, remarcan que se trata dun traballo "moi precario, maioritariamente feminizado, con moito persoal a tempo parcial, e cun recorrente menosprezo polas sucesivas empresas que collen o servizo cara ao traballo desenvolvido polas persoas traballadoras".

Tras varias reunións nas que, segundo relatan, non obtiveron resposta ningunha, "nin da empresa nin do concello", o comité non descarta a posibilidade de comezar con concentracións e manifestacións públicas, así como unha convocatoria de folga, "para poñer en coñecemento da cidadanía a situación que atravesan".

Persoal de servizos sociais e de axuda no fogar en concellos
Persoal de servizos sociais e de axuda no fogar en concellos | Fonte: DEPUTACIÓN DA CORUÑA.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta