Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/05/2022 | Actualizada ás 22:00
Dos 313 concellos que ten Galicia, 114 están considerados rurais. Isto supón o 36,4 % do total. E entre estes, o 59,6 % concéntranse na provincia de Ourense e o 23,7 %, na de Lugo, sumando entre ambas as dúas o 83,3 % dos concellos rurais no país. Ademais, deses 114 municipios, 83 son “concellos desfavorecidos ou con necesidades de dinamización”, xa que sofren “graves situacións demográficas que requiren de actuacións inmediatas para paliar o descenso da poboación”. Fundamentalmente son concellos de zonas de alta montaña das provincias de Ourense e Lugo. Este é o debuxo que fan as economistas María Celia López Penabad e Ana Iglesias Casal, da Universidade de Santiago (USC), e Lucía Rey Ares, da Universidade da Coruña (UDC), a partir do cal decidiron deseñar un índice de desenvolvemento sostible para os concellos rurais e identificar os factores que máis contribúen ou penalizan para ese desenvolvemento.
Entre outros achados, as investigadoras destacan que os seus datos, publicados na revista científica Journal of Cleaner Production, “confirman que as taxas de inmigración feminina e de ocupación no sector hostaleiro favorecen o desenvolvemento sostible, mentres que a distancia do concello coa capital provincial o dificulta”, explican.
“En conxunto, os peores resultados atópanse nas zonas de montaña do interior, principalmente na provincia de Ourense”
Particularmente, poñen o foco sobre aqueles situados nas zonas de montaña do interior, principalmente na provincia de Ourense, cos peores resultados no índice de desenvolvemento rural sostible. “En conxunto, podemos observar que as zonas que rodean o macizo central ourensán son as de menor rendemento”, apuntan.
E sinalan aspectos sociais como a sanidade, a educación e os servizos, entre os “principais puntos débiles” do rural galego.
Segundo as economistas, este é o “primeiro índice de desenvolvemento rural sostible que se aplica a Galicia” para “determinar que factores esóxenos inflúen nel”, din.
O índice construíuse en base a catro dimensións: demográfica, social, económica e ambiental. A análise comparativa do índice de desenvolvemento rural sostible permitiu avaliar a situación de cada concello rural (localidades con menos de 2.000 habitantes), revelando que, “en conxunto, os peores resultados atópanse nas zonas de montaña do interior, situadas principalmente na provincia de Ourense”, destacan as autoras.
OS ASPECTOS SOCIAIS, OS QUE MÁIS INFLÚEN
As variables sociais (nos que incluíron centros docentes non universitarios, número de médicos de atención primaria e horas de servizo de axuda no fogar) son, en xeral, as responsables das maiores diferenzas dos concellos neste índice.
Os concellos con mellor situación teñen os valores máis altos en aspectos sociais, sobre todo en centros de educación e no servizo de axuda no fogar
“A dimensión social é a área que require a acción máis correctora. Proporcionar servizos e infraestruturas (por exemplo, saúde, educación, axuda no fogar e transporte) aos habitantes no rural non só lles beneficia, senón que tamén crea oportunidades de emprego a través, por exemplo, do desenvolvemento da economía prateada”, argúen as economistas (a economía prateada é un concepto que inclúe todas aquelas actividades económicas, produtos e servizos destinados a satisfacer as necesidades dos maiores de 50 anos).
Así, os concellos con mellor situación presentan os valores máis altos en aspectos sociais, sobre todo en centros de educación e no servizo de axuda no fogar, cuxos valores son dúas veces máis elevados que os dos concellos con peor índice.
Tamén destacan o importante rol que xogan as carencias de servizos. Relacionado con isto, observaron que a distancia do concello coa capital provincial tamén se revelou como un factor importante sobre o desenvolvemento sostible do rural: “Canto maior é a distancia, máis fráxil é ese desenvolvemento”, sentencian as economistas, que relacionan isto “co feito de que a maior distancia da vila ou cidade de referencia, máis difícil é acceder a determinados servizos”.
Por exemplo, “debido a que moitos servizos sanitarios se concentran nas vilas ou cidades, disuaden os habitantes do rural de facer uso deles”, engaden.
MULLERES INMIGRANTES, CLAVES PARA O DESENVOLVEMENTO
Na dimensión demográfica, marcada no rural galego polo despoboamento e o envellecemento dos que quedan, un aspecto importante é o papel clave que poden xogar as mulleres para a prosperidade destas áreas.
“A evidencia empírica revela que a inmigración feminina ten un efecto positivo no índice de desenvolvemento rural sostible”
De feito, as investigadoras da USC e UDC sinalan, con base nos seus resultados, que “a inmigración feminina ten un efecto positivo no índice de desenvolvemento rural sostible”, polo que aconsellan poñer en marcha plans para “atraer mozas inmigrantes e permitir un xiro”, dentro das políticas públicas de fomento do asentamento de poboación.
“A evidencia empírica revela que a inmigración feminina afecta positiva e significativamente o desenvolvemento sostible do rural”, insisten.
De feito, investigadores da Universidade de Vigo xa alertaron en 2019 dunha "catástrofe demográfica de consecuencias imprevisibles" en Galicia e advertiron de que o futuro do país pasa por atraer máis mocidade inmigrante para evitar que comarcas enteiras do interior queden baleiras. De non reverterse a situación, Galicia podería perder máis de 200.000 habitantes na próxima década, quedando a niveis de hai un século.
ASPECTOS ECONÓMICOS
En canto á actividade económica, observaron que a taxa de actividade e a renda per cápita presentan valores máis baixos canto menor é a puntuación obtida polos concellos no seu índice de desenvolvemento sostible. “A caída da taxa de actividade nos concellos máis desfavorecidos é a máis acusada, probablemente polo efecto das altas taxas de envellecemento”, clarifican. Porque, como recordan, o envellecemento da poboación está relacionado cunha menor taxa de emprego e un desenvolvemento económico negativo.
“Dirixir unha empresa nunha zona rural adoita levar aparellados custos de transporte máis elevados que nunha área urbana"
Ademais, argúen que “dirixir unha empresa nunha zona rural adoita levar aparellados custos de transporte máis elevados que nunha área urbana, o que dificulta que os potenciais traballadores se instalen nas zonas rurais”, polo que consideran necesario que se melloren e amplíen as alternativas de mobilidade, fomentando os medios de transporte colectivos.
Un dato curioso é que o número de aloxamentos turísticos non parece significativo para o desenvolvemento rural, segundo o índice desenvolvido por estas economistas, “malia que moitos fondos públicos foron destinados ao turismo rural, buscando impulsar o desenvolvemento de zonas pobres mediante o apoio ao pequeno comercio, creando oportunidades de emprego e contribuíndo á preservación da natureza e da arquitectura”, sinalan.
Tampouco semella ter un impacto significativo a dispoñibilidade de locais para uso comercial. E respecto á cobertura de internet, os seus resultados non proporcionaron “ningunha evidencia de que teña un efecto positivo e significativo”.
DIMENSIÓN AMBIENTAL
En canto á dimensión ambiental, apenas observaron diferenzas salientables entre os concellos, con valores ambientais elevados. Pero si observaron que as terras de cultivo toman valores altos nos concellos máis desfavorecidos, mentres que as áreas protexidas toman valores baixos, o que evidencia “certa dependencia do sector agrario no rural galego”. “A agricultura parece constituír unha fonte de resiliencia nas zonas rurais en tempos convulsos, pero tamén pode ser un obstáculo para o cambio ou a evolución nestas rexións”, expoñen.
O Centro Común de Investigación da Comisión Europea avisou de que Lugo, A Coruña e Ourense sufrirán “o maior abandono de terras agrícolas" no Estado nos próximos anos
Precisamente, un estudo publicado en 2020 advertía de que Galicia será o territorio máis afectado no Estado español polo abandono de terras agrícolas de aquí ao ano 2030. As catro provincias galegas sitúanse entre as cinco que máis porcentaxe de terreo agrícola perderán, segundo datos de investigadores do Centro Común de Investigación (Joint Research Centre - JRC) da Comisión Europea e do Departamento de Enxeñaría Cartográfica, Xeodesia e Fotogrametría da Universidade Politécnica de Valencia.
Estes expertos advertiron de que Lugo, A Coruña e Ourense sufrirán “o maior abandono absoluto e relativo de terras agrícolas, sendo as tres únicas provincias en España ameazadas polo abandono de máis do 30% da área agrícola utilizada”. Pontevedra ocupa o quinto posto en termos porcentuais, por detrás de Guipúscoa.
CASOS DESTACADOS
As economistas da USC e UDC poñen o foco sobre algúns casos singulares. Por exemplo, o de Chandrexa de Queixa (Ourense), que ten unha das máis altas puntuacións no índice de desenvolvemento rural sostible, con valores máximos de porcentaxe de superficie forestal sobre a total do municipio e de porcentaxe de espazos protexidos dentro da rede Natura 2000 respecto da superficie total do seu territorio, ademais de ter unha alta puntuación en porcentaxe de poboación activa sobre a poboación total.
“Este concello é o máis emblemático das paisaxes naturais e fermosas de Galicia, cunha gran reserva hidroeléctrico e acceso ao parque natural do Invernadoiro, sen esquecer que é un lugar excepcional para a observación das estrelas. Chandrexa de Queixa é un caso paradoxal; foi capaz de combater o descenso poboacional aproveitando a súa singular situación ambiental para abrir o camiño a un desenvolvemento rural sostible”, destacan as investigadoras.
“Non sorprende que A Veiga teña un premio da Xunta de Galicia polo seu labor de dinamización xeográfica"
As economistas poñen tamén especial atención ao caso do concello da Capela, conectado ás Fragas do Eume, parque natural e lugar de importancia comunitaria, considerado o bosque atlántico europeo mellor conservado. Pois ben, A Capela destaca polos seus indicadores económicos, particularmente pola renda dispoñible bruta per cápita e a taxa de emprego, segundo estas autoras, “grazas á posta en marcha de medidas de fomento do emprendemento empresarial, como a apertura dun centro de coworking conectado á rede GreenCoworking das Pontes”.
Outro caso que salientan, neste caso pola súa diversidade, é o de Avión, “un concello rodeado de montañas, onde moitos dos seus habitantes emigraron a México, acumulando alí enormes fortunas e, ao seu regreso, construíron grandes pazos, que se sitúan xunto a casas rústicas tradicionais”. Esta singularidade reflíctese nos indicadores analizados para o índice de desenvolvemento sostible, xa que “a mostra deste concello é moi variada”.
Tamén destacan o caso da Veiga, situada na alta montaña ourensá e que “posúe o pico máis alto de Galicia (Pena Trevinca, que se atopa a 2.124 m de altitude), ademais de impresionantes paisaxes”, e que “durante moitos anos tentou loitar contra o despoboamento mediante financiamento para a restauración, as subvencións para fomentar o emprego autónomo e a reactivación de postos de traballo como a produción de mel e o cultivo da faba”, polo que “non sorprende que este concello teña un premio da Xunta de Galicia polo seu labor de dinamización xeográfica”, comentan as economistas.
CLASIFICACIÓN DOS CONCELLOS
A continuación móstrase a clasificación dos 114 concellos analizados polo seu índice de desenvolvemento rural sostible, sendo o de Trabada o que presenta o maior valor e o de San Xoán de Río o que ten os peores datos.
Posición |
Concello |
Mediana |
|
Trabada |
1.0000 |
|
Riotorto |
0.9874 |
|
Folgoso do Courel |
0.9770 |
|
Arnoia |
0.9680 |
|
Corcubión |
0.9680 |
|
Meira |
0.9650 |
|
Castrelo de Miño |
0.9621 |
|
Baleira |
0.9564 |
|
Portomarín |
0.9564 |
|
Muras |
0.9546 |
|
Coirós |
0.9539 |
|
Leiro |
0.9503 |
|
Cenlle |
0.9488 |
|
A Capela |
0.9481 |
|
Xermade |
0.9471 |
|
Navia de Suarna |
0.9464 |
|
Pol |
0.9452 |
|
Irixoa |
0.9450 |
|
O Vicedo |
0.9340 |
|
A Veiga |
0.9336 |
|
Vilamartín de Valdeorras |
0.9313 |
|
Xunqueira de Espadanedo |
0.9308 |
|
Vilarmaior |
0.9280 |
|
Chandrexa de Queixa |
0.9269 |
|
Mondariz-Balneario |
0.9264 |
|
Cortegada |
0.9261 |
|
Alfoz |
0.9247 |
|
Cervantes |
0.9242 |
|
Aranga |
0.9216 |
|
As Nogais |
0.9206 |
|
Ribeira de Piquín |
0.9201 |
|
Monfero |
0.9181 |
|
Vilasantar |
0.9181 |
|
Laza |
0.9166 |
|
Vilar de Barrio |
0.9158 |
|
Castro Caldelas |
0.9153 |
|
Samos |
0.9151 |
|
Mañón |
0.9135 |
|
Bande |
0.9122 |
|
Padrenda |
0.9120 |
|
As Somozas |
0.9119 |
|
Cerdido |
0.9114 |
|
Vilariño de Conso |
0.9109 |
|
Carballeda de Avia |
0.9103 |
|
A Pobra do Brollón |
0.9074 |
|
Sobrado |
0.9056 |
|
Ourol |
0.9045 |
|
Manzaneda |
0.9044 |
|
Pedrafita do Cebreiro |
0.9040 |
|
Carballeda de Valdeorras |
0.9038 |
|
Montederramo |
0.9032 |
|
Gomesende |
0.9029 |
|
Piñor |
0.9006 |
|
Rubiá |
0.8989 |
|
A Gudiña |
0.8986 |
|
Campo Lameiro |
0.8980 |
|
O Irixo |
0.8969 |
|
Melón |
0.8920 |
|
Ramirás |
0.8920 |
|
Dozón |
0.8917 |
|
Entrimo |
0.8901 |
|
Castrelo do Val |
0.8794 |
|
O Páramo |
0.8775 |
|
Avión |
0.8734 |
|
Beariz |
0.8726 |
|
Xunqueira de Ambía |
0.8724 |
|
Sandiás |
0.8721 |
|
Cualedro |
0.8718 |
|
Muíños |
0.8714 |
|
Paradela |
0.8686 |
|
Taboadela |
0.8666 |
|
Lobios |
0.8649 |
|
Rábade |
0.8645 |
|
Negueira de Muñiz |
0.8622 |
|
Petín |
0.8622 |
|
Toques |
0.8620 |
|
Baltar |
0.8604 |
|
Larouco |
0.8591 |
|
A Mezquita |
0.8587 |
|
Pontedeva |
0.8558 |
|
Santiso |
0.8545 |
|
Ribas de Sil |
0.8514 |
|
Triacastela |
0.8496 |
|
Beade |
0.8477 |
|
Punxín |
0.8469 |
|
Esgos |
0.8443 |
|
Porqueira |
0.8432 |
|
Rairiz de Veiga |
0.8414 |
|
Baños de Molgas |
0.8408 |
|
San Amaro |
0.8391 |
|
Lobeira |
0.8363 |
|
Quintela de Leirado |
0.8361 |
|
O Bolo |
0.8352 |
|
Moeche |
0.8340 |
|
Verea |
0.8324 |
|
O Incio |
0.8312 |
|
Calvos de Randín |
0.8309 |
|
Riós |
0.8280 |
|
A Merca |
0.8230 |
|
A Teixeira |
0.8223 |
|
Vilamarín |
0.8201 |
|
Bóveda |
0.8201 |
|
A Peroxa |
0.8144 |
|
Fornelos de Montes |
0.8122 |
|
Trasmiras |
0.8058 |
|
Vilar de Santos |
0.8041 |
|
Sarreaus |
0.7991 |
|
Paderne de Allariz |
0.7982 |
|
Oímbra |
0.7863 |
|
Vilardevós |
0.7815 |
|
Parada de Sil |
0.7767 |
|
Os Blancos |
0.7676 |
|
A Bola |
0.7404 |
|
San Xoán de Río |
0.7153 |
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.