Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/05/2022 | Actualizada ás 20:26
Membros das asociacións ecoloxistas de Greenpeace, Adega, APDR, A Rente do Chan-Pladever, Petón do Lobo, Contraminate, AEMS-Ríos con vida, Blue Rievers Foundation, Sos Suido Seixo e Ecoloxistas en Acción súmanse á veciñanza que en días pasados rexeitou o estudo que propón a creación dun encoro no río Oitavén e o transvasamento no Verdugo como solución para abastecer de auga o sur da provincia de Pontevedra.
Segundo explican, a asemblea celebrada este sábado no Centro Sociocultural de Forzáns referendou un manifesto ao que xa se sumaron un cento de entidades entre comunidades de montes, asociacións de veciños, comunidades de augas, asociacións culturais, mulleres rurais e a Asociación Vía Mariana Luso Galaica e colectivos ecoloxistas, "e que servirá de fío reivindicativo e argumental"
Os asistentes á asemblea tamén renovaron o seu compromiso de participar "en todas as mobilizacións e actos de protesta" que se celebren en contra do encoro no río Oitavén e o transvasamento de auga no Verdugo. Confirman así a asistencia da plataforma, coas súas consignas e pancartas, á manifestación convocada este domingo diante do Concello de Ponte Caldelas.
Entre as actuacións de "protesta e sensibilización social" en contra da proposta, destacaron unha xornada de limpeza e erradicación de especies invasoras nas beiras do río Oitavén, así como a recollida de datos para elaborar un estudo sobre a flora e a fauna no tramo que estaría afectado o encoro, entre Forzáns (Ponte Caldelas) e Vilano (Fornelos de Montes).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.