O mozo galego ferido na explosión da Habana experimenta certa "recuperación dentro da gravidade"

O goberno traballa para repatriar "canto antes" o corpo da falecida coa idea de que poida ser "esta semana".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2022 | Actualizada ás 10:48

Comparte esta noticia

O mozo natural das Pontes ferido na explosión do Hotel Saratoga da Habana (Cuba) experimentou certa "recuperación" dentro da gravidade que presenta, unha información que apunta ao "optimismo", segundo explicou este luns o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.

"As últimas noticias que nos trasladan é que, dentro da gravidade, está a ter unha recuperación e, por tanto, hai que collelo con optimismo e hai que collelo con esperanza", dixo o delegado a preguntas dos medios sobre a situación do mozo, que permanece ingresado no hospital en Cuba.

José Miñones quixo trasladar, en nome do Goberno, "todo o afecto ás familias" tanto do mozo ferido como da súa noiva, falecida a consecuencia da explosión, e sinalou que todo o Executivo e el mesmo están en contacto directo con eles e coa embaixada e o consulado.

Sobre o mozo ferido, ademais das noticias sobre a súa evolución, Miñones apuntou que a súa familia xa se desprazou a Cuba e están en contacto co embaixador para que "lles acompañe en todo o necesario".

En relación á falecida, natural de Viveiro, o delegado do Goberno reiterou que a intención é "acelerar o máximo" posible "todos os prazos necesarios" para a súa repatriación. "Hai que facelo ben, é o obxectivo principal", dixo Miñones, que lembrou que se trata de "prazos normalmente longos".

No entanto, o Goberno tenta aceleralos para "evitar ese tempo de espera" á familia. "Esperamos que esta semana poida terse aquí o corpo", destacou.A explosión accidental rexistrada o venres no Hotel Saratoga da Habana causou xa, segundo as autoridades cubanas, 35 falecidos.

Explosión no Hotel Saratoga, na Habana (Cuba) captada cun móbil.
Explosión no Hotel Saratoga, na Habana (Cuba) captada cun móbil.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta