Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2022 | Actualizada ás 20:00
As Escolas Semente e a iniciativa popular Porque Me Peta celebran as Letras Galegas cunha homenaxe ao lexicógrafo Isaac Alonso Estraviz e ás crianzas galegofalantes. Así, no vindeiro 14 de maio, a partir das 12 horas, terá lugar a 'Festa das Letras 2022' no Espaço Carabunhas, na Arca da Noe (Vilar de Santos, Ourense).
Nesta ocasión, tal e como explican nunha nota, Escolas Semente e Porque Me Peta homenaxearán, ao redor das 12:30 horas da mañá, o distinguido lexicógrafo Isaac Alonso Estraviz "polo seu constante trabalho e compromisso com a língua e cultura galegas". Ademais, Xurxo Souto presentará, a partir das 16:30 horas, un acto de recoñecemento ás crianzas galegofalantes, "por representarem o porvir e futuro do maior património que pode possuir um povo: a sua língua".
Durante a xornada festiva haberá xogos tradicionais, contos (Raquel Queizás), música
(Estrelas cantariqueiras, Joana e Marinha, e Xiao Berlai), danza en familia (Eva Parmenter), sorteo dunha cesta de produtos Semente, ademais dun xantar comunitario, previa reserva no telefone da Arca da Noe (699 486 282).
Así mesmo, o evento contará coa presenza de importantes entidades culturais e coletivos sociais como a Academia Galega da Língua Portuguesa, a Associaçom Galega da Língua, a Fundaçom Vicente Risco, A Mesa pola Normalización Lingüística, o C.S. A Galleira, así como a iniciativa social Estreleira, entre outras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.