Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2022 | Actualizada ás 12:25
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou á formación nacionalista "preparada para gobernar" para "darlle a volta" á situación actual e, non en balde, anunciou mesmo as que serían as súas primeiras medidas "como presidenta" da Xunta, nun discurso no que se dirixiu directamente aos galegos: "O cambio galego está en marcha, empezou a conta atrás para un cambio de goberno na Xunta".
"Vostede, señor Rueda, non é máis que un presidente accidental, o primeiro que non foi elixido como tal polos galegos. E non convocan eleccións porque saben que as perderían", proclamou, antes de salientar que "vai chegar á Presidencia da Xunta de rebote, porque o seu xefe de filas considerou máis importante ser presidente do PP, que ser presidente de Galicia; considerou máis importante ocupar a sede dun Partido Popular condenado por corrupción que ocuparse do Goberno de Galicia".
Pontón tamén se referiu no seu discurso ao "currículo" de Rueda, no que figura, dixo, "o ataque e o desprezo á lingua do país". "Aí estaba detrás da campaña electoral máis sucia que se lembra, convertido nun avanzado das 'fakenews', abandeirado da política do 'todo vale' con tal de facerse co poder, deixar claro cal é o seu listón ético", manifestou en alusión á presenza de Rueda nas manifestacións de Galicia Bilingüe que serviron de previa ás eleccións do 1 de marzo de 2009.
Pontón, durante a súa intervención, volveu a se presentar como "alternativa" a un goberno do PP, sendo ela "unha presidenta" que, no seu primeiro Consello da Xunta, de lograr o goberno, un paquete de medidas para "axudar a quen máis o necesita": subindo as pensións non contributivas, mellorando a prestación da Risga, aumentando as axudas para gastos básicos de vivenda, baixando as peaxes das autoestradas e cun paquete de axudas aos sectores máis afectados.
A portavoz nacional do Bloque, que apostou por unha "discriminación positiva en servizos" para o medio rural, con mención especial para as mulleres, puxo encima da mesa "dous modelos": "o do PP, sen nada que ofrecer salvo resignación, rutina e autocompracencia; ou o modelo do BNG, cun proxecto solvente, ilusionante e desde a confianza para construír unha Galicia mellor".
"O vello ou o novo, o pasado ou o futuro, o PP ou o BNG", aseverou, expondo que estas "son as dúas alternativas que se confrontan neste debate, os dous modelos entre os que moi pronto escollerán os galegos" e nun discurso no que debullou unha sorte de programa electoral dun hipotético goberno do BNG baseado en dez eixos estratéxicos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.