Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2022 | Actualizada ás 12:55
A veda do polbo en Galicia --período no que estará prohibida a súa captura-- estenderase desde as 16,00 horas do 20 maio, venres, ata as 5,00 horas do 4 de xullo, segundo establece o plan experimental para a xestión desta especie para a campaña 2022/2023. Así figura na resolución publicada este xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG), que apunta que as capturas desembarcadas o 20 de maio poderán ser comercializadas tamén o 21 de maio naquelas lonxas nas que tradicionalmente se celebren vendas de polbo os sábados.
O período de veda do polbo significa que queda expresamente prohibida a captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo. Por tanto, as embarcacións dedicadas á captura deste cefalópodo con nasas deberán retiralas do seu calado e levalas a porto. O tempo de veda é tamén aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.
A veda é unha das medidas técnicas que comprende o plan experimental da especie co fin de axustar a xestión pesqueira ao seu ciclo de vida e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.
A Consellería do Mar e o sector acordaron este novo plan do polbo para o próximo ano, que permanecerá vixente ata que se publique o plan do ano que vén, que fixará a seguinte veda. Tal e como establece este plan, a partir do 4 de xullo --data na que termina a veda-- e ata o 31 de agosto, a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 quilos ao día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 210 quilos ao día.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.