Por Galicia Confidencial | Ourense | 17/05/2022 | Actualizada ás 19:39
A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova recolleu máis de 300 alegacións contra o proxecto de polígono eólico de Greenalia que afecta aos concellos de Baltar, Calvos de Randín e Os Blancos. Isto despois dunha campaña encabezada "por veciñanza destes concellos e que está a ter un amplo respaldo entre a poboación dos diferentes núcleos rurais máis afectados".
A plataforma continuará a campaña até finais de mes e sinalou dez puntos de recollida en sete concellos da contorna onde se poden encontrar as alegacións, cubrilas e deixalas alí. Tamén están a disposición de toda a cidadanía galega as alegacións na web da plataforma, no enderezo: https://xurescelanova.fala.gal/2022/05/03/descarga-e-comparte-o-modelo-de-alegacion-express-ao-pe-lamas-de-feas/
O prazo para presentar alegacións remata o próximo 2 de xuño, mais "Stop Eólicos Xurés Celanova ten a intención de comezar coas accións de rexistro público nos concellos afectados e nos concellos da contorna a próxima semana".
CHARLA INFORMATIVA EN FEÁS
O pasado domingo, co apoio e participación do Sindicato Labrego Galego, a plataforma convocou en Feás unha charla informativa aberta á veciñanza. Participaron uns corenta veciños e veciñas, quen despois dunha breve presentación do contexto de" invasión eólica no que se inxire o proxecto de Greenalia nesta comarca, escoitaron o relato que fixo o técnico do Sindicato Labrego Galego" sobre os principais impactos potenciais da infraestrutura na saúde, nas augas e na economía das aldeas máis próximas ao polígono industrial.
A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova chamou á veciñanza a se organizar para defender os seus dereitos como propietarios ou como afectados, e animou a coordinarse na loita contra as diferentes infraestruturas (os polígonos previstos no Larouco, na Boullosa, en Bande, Verea e Celanova, así como á Liña de Alta Tensión que uniría estas instalacións nun trazado duns 50 quilómetros até o Miño) que fan parte dos plans de Greenalia e outras empresas nas comarcas da Limia, Baixa Limia e Terra de Celanova, e que ameazan as augas que nutren os principais ríos (o Salas, o Limia e o Arnoia), a paisaxe do suroeste de Ourense, patrimonio documentado e por documentar e, sobre todo, montes e montañas senlleiras como o Larouco, a Aguioncha, a Pena Loba, o Monte Grande ou o Monte da Neve.
A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova celebrou tamén unha asemblea o pasado sábado en Celanova na que acordou sumarse á manifestación nacional contra a invasión eólica, convocada pola coordinadora EÓLICA ASÍ NON, da que fai parte, para comezos de xuño en Compostela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.