Por Galicia Confidencial | Alemaña | 18/05/2022 | Actualizada ás 20:40
O público alemán gozou os pasados días 11,13 e 16 da maxia sonora dos instrumentos ancestrais do multi instrumentista e musicólogo galego Abraham Cupeiro. O artista galego ofreceu unha serie de concertos nas cidades teutoas de Ludwigsburg, Berlín e Hamburgo cun proxecto colaborativo, Lles Adieux, de man da violinista Patricia Kopatchinskaja e organizados pola Mahler Chamber Orchestra de Alemaña.
Foi Patricia Kopatchinskaja quen decidiu colaborar con Cupeiro tras ver un vídeo del tocando o instrumento Carnyx, unha trompeta céltica e quedou atrapada por este experto recopilador de instrumentos perdidos cos que crea novas sonoridades. A súa colaboración converteuse no broche perfecto para un proxecto que fala da extinción dos animais e de como os seres humanos tamén nos extinguiremos.
Os asistentes puideron gozar dun marabilloso e máxico mundo de novos e descoñecidos sons; resonancias primitivas e ao mesmo tempo futuristas. O artista galego de 42 anos e oriúndo da localidade lucense de Sarria estudou no Conservatorio Superior de Madrid. Alí tivo que realizar un traballo de investigación sobre a construción dunha trompeta con técnicas do século XVIII. A falta de recursos non lle permitiu comprarse un instrumento desas características pero si lle deron a opción de fabricalo el mesmo.
"Foi a chave que me abriu a porta ao pasado. A música é a única máquina do tempo posible para viaxar no tempo", sinala. A súa traxectoria até o día de hoxe foi unir os instrumentos ancestrais, algúns con máis de 2500 anos de antigüidade, con orquestras sinfónicas. Unha engrenaxe case perfecta que se foi puíndo a través da historia da humanidade.
"É como volver atrás no tempo recuperando instrumentos que se van perdendo no camiño, moitos deles anteriores mesmo ás orquestras. Unir este tipo de sonoridades achega melodías sen tensións que non estamos afeitos escoitar que fai que nos séculos XX e XXI atope neles algo novo e diferentes", indica.
Abraham Cupeiro realizou diferentes colaboracións durante a súa carreira. No seu primeiro disco contou coa orquestra Real Filharmonía de Galicia, no segundo coa Royal Philharmonic Orchestra de Londres e na actualidade está agradecido e contento de realizar unha parada na súa propia xira co proxecto Pangea para actuar en Alemaña por primeira vez e de man de Patricia Kopatchinskaja e a orquestra Mahler Chamber.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.