Veciñanza de Rodeiro acode á Valedora pola privatización dun camiño e zonas de patrimonio

Procuran "a protección patrimonial e de tránsito que as autoridades municipais deberían garantir".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2022 | Actualizada ás 20:12

Comparte esta noticia

Veciñanza de Rodeiro acudiu á Valedora do Pobo pola privatización dun camiño público e zonas de patrimonio, concretamente a vía urbana do lugar de Outeiro de Fafián que se atopa dentro da parcelaria Val de Camba. Esixen protección patrimonial e de tránsito que, segundo remarcan, as autoridades municipais deberían garantir.

Segundo explican nun comunicado, o Concello de Rodeiro incluíu a citada vía urbana dentro da masa común pertencente á parcelaria Val de Camba, actualmente en fase de acordo.

Tal e como denuncian, parte dun dos camiños pertencente á Ruta dos Muíños e As Idades da Historia desaparece ao seu paso por Outeiro e pasa a formar parte dunha parcela privada. Ademais, inclúe unha torre medieval, de titularidade "privada descoñecida" segundo Patrimonio, "o que impide o goce e uso públicos".

"Tras varias reunións co alcalde, o popular Rubén Quintá, e outros cargos municipais; dous escritos oficiais, tres reclamacións sen resposta do Concello e seis preguntas non concluíntes en pleno municipal", recalcan, a veciñanza acudiu á Valedora do Pobo "para lograr a protección patrimonial e de tránsito que as autoridades municipais deberían garantir".

Non comprenden, explican, que se siga adiante co proceso de privatización de camiños públicos e restos arqueolóxicos de gran interese, "a pesar de que todo o lugar está afectado por Patrimonio, como reflicten os planos do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOM)".

Casa do Concello de Rodeiro, en Pontevedra
Casa do Concello de Rodeiro, en Pontevedra | Fonte: wikipedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta