Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2022 | Actualizada ás 12:02
Profesionais do Servizo de prevención de incendios forestais de Galicia participaron en León nun exercicio internacional de extinción para mellorar a resposta ante situacións de grandes lumes simultáneos. As manobras encádranse na celebración do Mecanismo Europeo de Protección Civil da Unión Europea e contón coa participación de máis de 430 profesionais de seis países e de oito comunidades autónomas.
Galicia achegou 15 efectivos dos distritos VII Fonsagrada-Os Ancares e VIII Terra de Lemos, que se implicaron nun exercicio de dous días de duración no que os representantes do operativo galego interactuaron con todos os medios participantes e releváronse con equipos de Estremadura, baixo a coordinación dos técnicos de Castela e León.
O simulacro estaba orientado a mellorar a coordinación e resposta da Unión Europea ás catástrofes que afectan a distintas zonas de influencia, segundo explicou a Xunta nun comunicado. En concreto, no exercicio participaron profesionais de países do sur de Europa --España, Portugal, Francia, Grecia, Croacia e Italia--, así como efectivos de Galicia, Castela e León, Castela-A Mancha, Estremadura, Comunidade Valenciana, Cataluña, Andalucía e Comunidade de Madrid, ademais de persoal da Administración estatal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.