Por Galicia Confidencial | Fene | 19/05/2022 | Actualizada ás 21:00
“María Casares. Eu son do océano” é o libro póstumo de Pitusa Arias. Trátase dunha novela gráfica que se presenta este sábado en Fene e conta coas ilustracións de Carlos Sardiña. É unha obra divulgativa da vida de quen foi número un de teatro en Francia e Europa durante boa parte do século vinte. Paula Carballeira conducirá o acto de presentación este sábado ás sete e media da tarde no Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene. Pitusa Arias, escritora e xornalista de Radio Fene faleceu o pasado 8 de abril.
Neste 2022 cúmprense os cen anos do nacemento de María Casares. No acto do Círculo de Fene tamén se presentará o podcast do mesmo nome con guión de Puri Seixido e música orixinal de Sofía Oriana Infante. Foron os intérpretes Vicky Sas, Eugenia Sanmartín, Helga Mëndez, Cristina Mariño, Rogelio Arias e Cristina Moreira. Como técnico de son Xabier Fernández e na dirección Eugenia Sanmartín. Unha produción de Son Radiofusión.
María Casares, nacida na Coruña en 1922, exiliada en Francia ao rematar a guerra, ao ser filla do republicano Santiago Casares Quiroga. Nunca esqueceu as súas orixes galegas. María Casares foi unha primeira figura no mundo do teatro en Francia e no mundo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.