Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2022 | Actualizada ás 14:56
O Consello de Ministros aprobou este martes destinar 244 millóns de euros para "apoiar" á industria electrointensiva a través de subvencións vinculadas ao mecanismo de compensación de custos de emisións indirectas de CO2 e correspondentes á convocatoria de 2022. É dicir: que o Goberno está a subvencionar os sobrecustes da UE ao CO2 para facilitar a transición ecolóxica.
"Este ano incrementáronse as axudas un 36% respecto ao ano pasado, alcanzando o nivel máximo autorizado pola Comisión Europea. En 2021 o Goberno adxudicou 179 millóns de euros por este concepto, dos que se beneficiaron 170 empresas", asegurou o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo nun comunicado.
A titular da carteira, Reyes Maroto, considera que "estas axudas mostran o compromiso do Goberno cos sectores industriais electrointensivos e permiten mellorar a súa competitividade, reforzar as súas capacidades industriais e o emprego".
Maroto tamén destaca que a incerteza provocada pola invasión rusa de Ucraína "está a xerar tensións nas cadeas de valor a nivel mundial e un encarecemento dos prezos enerxéticos" que afectan á industria, polo que para "garantir a súa competitividade" aprobaron un paquete de medidas de apoio aos sectores industriais afectados "para garantir un prezo de enerxía competitivo por un importe próximo aos 500 millóns de euros".
A Comisión Europea permite a cada Estado membro compensar os custos indirectos das industrias de determinados sectores ou subsectores aos que se considera expostos a un risco significativo de "fuga de carbono" debido aos custos relacionados coas emisións de gases de efecto invernadoiro repercutidos nos prezos da electricidade.
As axudas aprobadas súmanse á compensación dos cargos da factura eléctrica destinados ao financiamento da retribución específica a renovables e coxeneración de alta eficiencia e ao financiamento adicional nos territorios non peninsulares.
Ademais, recentemente aprobáronse axudas directas a empresas gasintensivas, por un valor de 125 millóns de euros, así como a aplicación dun mecanismo de redución na factura eléctrica do 80% do custo correspondente ás peaxes de acceso ás redes de transporte e distribución. "En total, 488 millóns de euros destinados a mellorar a competitividade dos sectores industriais de gran consumo enerxético", destaca o Ministerio de Industria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.