Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2022 | Actualizada ás 18:32
O fundador do grupo conserveiro Jealsa e exalcalde de Boiro, Jesús Alonso Fernández, faleceu na tarde deste venres aos 92 anos de idade.
Iniciouse nos negocios en 1954 coa téxtil Jealfer --acrónimo de Jesús Alonso Fernández--, que na actualidade leva a súa filla, Puri Alonso. Posteriormente, en 1958, fundou Jealsa con sede central en Boiro, dedicada á fabricación e comercialización de conservas de peixes e mariscos. Desde 2015, é o seu fillo, Jesús Alonso Escurís, quen leva a compañía.
Jealsa é a sociedade anónima que se atopa detrás de recoñecidas marcas como Rianxeira e Escurís, entre outras. Nos últimos anos, o grupo estendeu os seus negocios por América e diversificou a súa actividade ata abarcar 23 sociedades agrupadas nos sectores da alimentación, de pesca e servizos, da enerxía e da economía circular.
O empresario tamén se dedicou á política, posto que, da man do Partido Popular, foi alcalde da súa localidade natal durante dous mandatos, entre 1995 e 2003. O Concello de Boiro declarou tres días de loito oficial polo falecemento do histórico empresario. Así, os edificios públicos municipais ondearán a media hasta "en sinal de respecto e condolencia". "O máis sentido pésame á familia da Corporación Local e de todo o persoal municipal. DEP", engade o Concello a través das súas redes sociais.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou o seu falecemento a través da súa conta de Twitter, na que o definiu como "un dos grandes emprendedores de Galicia", así como "un boirense apaixonado da súa vila natal", lembrando a súa etapa como rexedor. "Jesús Alonso vaise, pero o seu legado queda para sempre. Todo o meu agarimo á súa familia e seres queridos. DEP", expresa Roda na súa tuit.
Tamén o expresidente galego e líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, sumouse ás mostras de condolencias na rede social: "O meu sentido pesar polo falecemento de Jesús Alonso, un histórico empresario da industria conserveira que levou o nome de Galicia por todo o mundo; e un dos nosos alcaldes, que dedicou anos a mellorar Boiro".
Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, expresou nun comunicado o seu "profundo pesar" e as "condolencias" en nome do Executivo central polo falecemento do fundador de Jealsa.
Miñones, que asistirá ao funeral este sábado ás 12,45 horas, destaca o "gran legado" do empresario boirense e agradece o seu "compromiso social con Galicia, así como a súa contribución ao impulso da industria conserveira galega, ao crecemento do tecido económico da Comunidade" e ao seu "posicionamento internacional".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.