As brigadas ecoloxistas limparán de rebrotes de eucalipto dunha das mellores fragas de Ferrol

A deseucaliptización do Monte Fontelo terá lugar este sábado, 28 de maio.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

As brigadas deseucaliptizadoras farán a súa seguinte parada en Ferrol, onde continuarán os traballos "para consolidar unha das mellores fragas autóctonas do concello, con espectaculares vistas sobre a ría", explican nunha nota. A acción estará impulsada polas asociacións veciñais de Brión e San Filipe, coa colaboración das asociacións Betula e Xeración.

Monte Fontelo en Ferrol
Monte Fontelo en Ferrol | Fonte: verdegaia

 

Logo dunha primeira actuación "exitosa" que tivo un en naxeiro, as Brigadas ao Monte Fontelo (tamén coñecido como Monte do Estado) volverán o próximo sábado, 28 de maio. "Ante o perigo que supón para a súa continuidade e a rexeneración natural da fraga a cantidade de rebrotes de eucalipto e novos eucaliptos de semente, as asociacións convocantes obtiveron novamente permiso de actuación dos titulares do monte", sinalan dende a asociación ecoloxista Verdegaia.

 

Así pois, na xornada do sábado 28 actuarán na zona do cume do monte, nos bordes da fraga, onde os millares de pequenos eucaliptos de semente ameazan con substituír o monte baixo e impedir a continuidade visual sobre o conxunto da ría. As persoas participantes deberán traer roupa axeitada e luvas de traballo. Debido ao pequeno tamaño da maioría dos eucaliptos de semente, dende a asociación aseguran que non fará falta moita ferramenta. Con todo, a organización levará machados e sachos que estarán á disposición das persoas voluntarias.

 

A área de traballo non ten pendente nin dificultade ningunha, polo que é unha xornada apta para persoas de calquera capacidade física ou pouco afeitas ao traballo no monte, así como crianzas e maiores. O punto de encontro onde deixar os coches será no cruce da Chaira de Brión ás 9:00 h da mañá. Despois da actuación, sobre as 14h. a organización convidará as persoas participantes a un xantar colectivo na AV de Valón.

 

As Brigadas Desucaliptizadoras son unha iniciativa da Asociación Ecoloxista Verdegaia que teñen como obxectivo mobilizar, organizar e coordinar persoas de todo o país "con vontade de botarse ao monte para realizar accións de voluntariado ambiental en colaboración coas persoas titulares dos terreos". Traballan, así, sobre aqueles espazos con valores ambientais degradados ou ameazados pola eucaliptización e outras especies exóticas invasoras.

 

As accións das Brigadas teñen como obxectivo que as zonas intervidas non volten ser pasto do lume e que sirvan como zonas protectoras, ao actuar como cortalumes verdes e corredores de biodiversidade.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta