A Carballa da Rocha ou da Saínza, sete metros de perímetro e 30 de altura, terá un plan de xestión

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2024 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

A Carballa da Rocha, en Rairiz de Veiga, convértese no quinto monumento natural de Galicia en contar cun plan de xestión para garantir a súa preservación, que inclúe un programa de actuacións que prevé un investimento de preto de 350.000 euros na próxima década.

Carballa da Rocha ou da Saínza, un dos carballos máis antigos e rexos de Galicia
Carballa da Rocha ou da Saínza, un dos carballos máis antigos e rexos de Galicia | Fonte: Turismo.gal

A Carballa da Rocha ou da Saínza presenta un porte magnífico. A súa medición oficial é de 6,90 metros de perímetro que deben tomarse a unha altura de 1,30 metros do chan. Máis arriba esgállase en dúas grandes pólas que superan os trinta metros de altura.

Ademais do seu interese botánico, á árbore da Saínza posúe un notable valor cultural. As súas raíces fúndense na historia de onde está plantada, nas proximidades da capela da Virxe da Mercé, e na memoria das xentes do lugar.

Cada 24 de setembro, co gallo das festas patronais, a sombra desta carballeira acolle tamén unha senlleira romaría, unha das poucas recreacións en Galicia das batallas entre mouros e cristiáns. O denominado “ataque” represéntase no Campo do Castelo e está declarado Festa de Interese Turístico.

VISITA

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou este xoves o espazo protexido e detallou que o obxectivo do plan é compatibilizar a protección da súa contorna co seu uso público, identificar os valores a protexer, o seu estado de conservación actual e os posibles riscos que lle poidan afectar.

Así, o plan de xestión, que se publicará previsiblemente no Diario Oficial de Galicia (DOG) antes de finalizar o ano, establece os seus usos e as actividades permisibles nos ámbitos turísticos, investigador, educativo e de aproveitamento gandeiro e forestal.

Neste sentido, a conselleira remarcou que o plan recolle a compra de dous predios nos que crece a Carballa da Rocha. A previsión é adquirir no futuro máis de 6.200 metros cadrados co obxectivo de garantir a súa correcta conservación ao converterse no patrimonio público.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta