Espionaxe sen control democrático?

O recente coñecemento de diversos episodios relacionados coa espionaxe practicada a diversas persoas do movemento independentista catalán e ao propio presidente do goberno do Estado (e tamén á ministra de Defensa e ao ministro do Interior) colocou no centro da atención pública o vello problema da actuación dos distintos organismos públicos encargados da seguridade do Estado.

Por Xesús Veiga | Compostela | 02/06/2022

Comparte esta noticia
Un sistema democrático non pode admitir que o labor deses organismos fique á marxe do control das institucións emanadas da vontade popular (parlamentos e gobernos) e das correspondentes instancias xudiciais. O fin invocado - a seguridade do Estado - non pode xustificar o uso de calquera medio para conseguilo.
 
Do que se puido constatar nos diversos trámites e debates rexistrados no Congreso durante as últimas semanas, cabe establecer algunhas conclusións provisionais:
 
1)O CNI só recoñeceu o control das comunicacións realizado a 18 independentistas cataláns e non se pronunciou sobre o sucedido coas restantes persoas que apareceron computadas no informe de Citizen Lab (laboratorio da Universidade de Toronto). A directora do Centro, recentemente cesada, non clarexou se foron investigadas sen autorización xudicial ou por outros organismos estatais.
 
2)O que transcendeu sobre o contido do informe emitido polo xuíz competente do Tribunal Supremo non permite asegurar a pertinencia e a proporcionalidade do permiso concedido aos axentes do CNI tendo presente, ademais, que foi utilizada unha ferramenta tecnolóxica – “Pegasus” - que facilita un control total sobre as capacidades comunicativas da persoa investigada.
 
3)O CNI admitiu a existencia da infección dos dispositivos telefónicos de Pedro Sánchez, Margarita Robles e Fernando Grande-Marlasca pero non foi quen de aportar unha explicación sobre as razóns da importante demora no seu descubrimento nin sobre a orixe da mesma. A hipótese de que a autoría estivese residenciada nas autoridades de Marrocos abriría unha crise de dimensións imprevisíbeis na dinámica das relacións internacionais do Estado español.
 
4)Ante a demanda formulada por diversas formacións políticas en favor de que se proceda a unha desclasificación dos documentos exhibidos na comisión parlamentaria para poder avaliar a consistencia das actuacións practicadas, non hai unha resposta positiva por parte do sector socialista do goberno e tampouco se perciben eventuais decisións xudiciais que posibiliten semellante acto de transparencia.  
 
A recoñecida utilización de “Pegasus” suscita unha interrogante básica: resulta compatíbel este dispositivo técnico cos parámetros de cumprimento dos dereitos básicos da cidadanía esixíbeis nun sistema democrático de calidade? Recentes manifestacións dalgúns responsábeis da UE encargados de asegurar a vixencia do dereito á privacidade cuestionan o uso deste dispositivo e falan dunha posíbel prohibición futura do mesmo no ámbito comunitario. A circunstancia de que teña a súa orixe nun Estado – Israel – que acredita prácticas continuadas de incumprimento das resolucións da ONU sobre Palestina, proporciona motivos adicionais para cuestionar a súa credibilidade democrática.
 
Chove sobre mollado neste asunto da espionaxe do CNI. Durante o mandato de Felipe González tivo que dimitir Narcís Serra porque o CESID – antecedente do organismo actual – tiña realizado escoitas ilegais. Mais recentemente, con Rajoy na Moncloa, apareceu a chamada “policía patriótica” e o ínclito comisario Villarejo para certificar a presenza de mafias policiais no seo dos propios aparellos do Estado. Por non falar da historia dos GAL e a “guerra sucia” contra ETA. A traxectoria da democracia española está chea de páxina escuras que non permiten desculpar as actitudes indolentes e negacionistas exhibidas por diversos voceiros da dereita, da extrema dereita e tamén do Partido Socialista.
 
A calidade democrática non está asegurada por moito que se invoque, ritualmente, a vixencia dos textos legais. É preciso modificar as normas que ficaron obsoletas ou que demostraron a súa incapacidade para acadar os obxectivos proclamados. E tampouco se poden dar espectáculos tan pouco presentábeis como o que está a dar o PPdG co nomeamento de Feijoo e Tellado como senadores en representación do Parlamento galego. A legalidade deste acto non é quen de agachar a perversión que contén: colocar as necesidades – políticas e financeiras – do partido por riba da satisfacción do interese xeral que se quixo acreditar con esa facultade de designación establecida para as Cámaras lexislativas das CC.AA.

A ministra de Xustiza, Pilar Llop, intervén nunha sesión plenaria, no Congreso dos Deputados,  para dar explicacións do Goberno sobre a espionaxe a políticos independentistas
A ministra de Xustiza, Pilar Llop, intervén nunha sesión plenaria, no Congreso dos Deputados, para dar explicacións do Goberno sobre a espionaxe a políticos independentistas | Fonte: Alberto Ortega - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.