Encontros que melloran a calidade de vida das persoas seropositivas ou enfermas de Sida

Coñecemos a Plataforma NATC, colectivo que traballa polo benestar de afectadas e afectados polo VIH, aproveitando que estes días celebran unhas xornadas de convivencia na Guarda. Falamos con Lola Pizarro, unha voluntaria que forma parte do comité organizador galego que fai posible o encontro deste ano.

Por Galicia Confidencial | A Guarda | 04/06/2022 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

NATC –Naturais, Alternativas, Tradicionais e Complementarias-- nace en Europa. Nos 90 existía en Italia, Holanda, en Irlanda e probablemente nalgún país máis. Xurdiu na peor época do VIH, cando os tratamentos tiñan moitos efectos secundarios e non eran moi efectivos. Ata o ano 96 un diagnóstico positivo era practicamente unha sentenza de morte. Despois apareceron medicacións máis potentes e o VIH pasou a ser unha enfermidade crónica aínda que esas medicacións tiñan uns efectos secundarios brutais, ademais do estigma que representa, aínda hoxe en día, ser seropositivo.

Doc Magoo's. Foto cedida.
Doc Magoo's. Foto cedida.

Neses anos 90, persoas infectadas e afectadas de varios países europeos crearon plataformas para reivindicar o uso gratuíto de terapias naturais para mellorar a calidade de vida das persoas seropositivas ou enfermas de Sida e paliar os efectos secundarios da medicación. No ano 97 o NATC chegou a España, e empezáronse a organizar 2 encontros anuais de 4 ou 5 días. Os encontros realízanse en lugares especiais, albergues, casas rurais, hoteis, etc, que estean rodeados dunha fermosa contorna natural. Neles realízanse terapias naturais e talleres de todo tipo, todos orientados a proporcionar ferramentas e coñecementos aos asistentes para que se responsabilicen da súa saúde e póidana mellorar, sen interferir nos seus tratamentos proporcionados polo hospital.

Os NATC europeos desapareceron en poucos anos. O de España leva case 25 anos e é o único que resiste. “Persoalmente creo que aínda vive porque foi evolucionando desde a reivindicación cara as terapias, o coidado e o agarimo que nos temos entre nós. Convertémonos nunha gran familia, moitos de nós coñecémonos desde hai máis de 20 anos”, dinos Lola Pizarro emocionada ao tempo que engade “reunímonos, querémonos, apoiámonos, facemos talleres, terapias e lembramos aos que xa non están”.

"Convertémonos nunha gran familia, moitos de nós coñecémonos desde hai máis de 20 anos”

Despois de dous anos de parón pola pandemia, neste 2022 retómanse as xuntanzas. Encontros que se fan, por regra xeral, dúas veces ao ano; coincidindo coa primavera e co outono. Así, pois, este ano tocaba volver reunirse e así se fará coincidindo coas primeiras datas do mes de xuño e no fermoso lugar da Guarda, na provincia de Pontevedra. “Este encontro, que será especial para as e os que se acheguen á Guarda estes días, contará con menos talleres pero con máis lecer e diversión, será unha celebración por volver reunirnos despois destes dous anos tan malos”, di Lola.

Convivencia NATC. Foto cedida.
Convivencia NATC. Foto cedida.

PROGRAMA DO ENCONTRO PRIMAVERA 2022

O encontro deste 2022 conta cun comité organizador galego que traballou e traballa para que o programa sexa completo e atractivo para os/as preto de cen inscritas/os que participarán este ano. Será, tal como o bautizaron, un “Encontro de Cine” e desenvolverase entre os días 1 e 5 de xuño nun hotel do Concello da Guarda.

Bautizado como “Festinatc”, o evento convida a pasalo de cine estes días. En palabras da organización: “queremos festexar o reencontro facendo de cada día unha festa na que dar a coñecer a cultura e as tradicións galegas. Galicia é tendencia, catro Goyas, as Tanxugueiras… por todo isto e máis, merecemos un encontro de cine”.

"Queremos festexar o reencontro facendo de cada día unha festa na que dar a coñecer a cultura e as tradicións galegas"

Tamén hai saídas con terapeutas, unha camiñada ao Castro de Santa Tegra, sesión de masaxes, unha charla cunha mariscadora e incluso unha foliada con recreación dunha feira galega.

O sábado, 4 de xuño e día grande do encontro, pola mañá terá lugar a asemblea xeral na que se renderán contas ao tempo que se decidirá quen formará parte do novo comité organizador do seguinte encontro e como quedará a nova directiva.

Pola tarde farase unha saída turística á localidade portuguesa de Vilanova de Cerveira e de volta ao hotel espérase unha noite espectacular. Haberá unha cea de cine na que se convida a disfrazarse do/a personaxe cinematográfico/a favorito e a continuación, queimada e un concerto a cargo do grupo monfortino Doc Magoo’s. Esta banda de rock versionará clásicos dos sesenta e setenta. Despois da actuación seguirá a festa con música a cargo dun DJ, pista de baile e o que xurda…

O domingo 5 farase un xantar como despedida conxunta e rematará o encontro.

Segundo nos conta Lola Pizarro, estas xornadas son moi intensas emocionalmente falando, cunha conexión persoal moi forte que fai posible a convivencia de varios días. “As terapias, o bo rollo que hai, a ausencia de prexuízos… fan que a conexión sexa igual máis potente que noutros grupos. Cando rematan, ves xente que está abrazándose dúas horas e fanse amigos/as para sempre”, dinos.

"Cando rematan, ves xente que está abrazándose dúas horas e fanse amigos/as para sempre"

MÁIS SOBRE NATC

É unha ONG de ámbito estatal sen ánimo de lucro e enfocada a mellorar e manter a calidade de vida das persoas afectadas polo VIH/SIDA mediante o uso de terapias naturais complementarias e/ou alternativas aos tratamentos existentes.

Ten un carácter asembleario, é aberta e totalmente independente sosténdose a través de traballo, cotas e colaboracións de socios/as, amigos/as e xente afín. Fundamentalmente, defende o dereito á libre elección persoal do tratamento a seguir, sexa convencional ou non, e alenta ás afectadas e afectados a involucrarse na súa curación e a ampliar o concepto de saúde dende unha perspectiva holística e integral.

A sede física está en Pamplona pero realmente a acción de NATC é itinerante con voluntarias e voluntarios espallados por todo o estado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta