Chaman a atallar o "grave problema" de temporalidade na administración local

Rede Localis presenta un novo informe que apunta que "o réxime xurídico do emprego público en xeral, e o local en particular, está en cuestión".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2022 | Actualizada ás 14:19

Comparte esta noticia

Un novo informe de Rede Localis, o grupo de investigación GEN da Universidade de Vigo, empraza a atallar o "problema especialmente grave" de temporalidade na administración local.

Este documento, do que se encargan Andrea Garrido Juncal e David Povedano Alonso, apunta que "o réxime xurídico do emprego público en xeral, e o local en particular, está en cuestión". "Apenas hai iniciativas lexislativas e as modificacións que se expuxeron nos últimos anos prodúcense como consecuencia de limitacións adoptadas en períodos de crises económicas ou a golpe dunha xurisprudencia comunitaria que se traslada aos tribunais internos", sosteñen.

"A interinidade que debera ser algo temporal converteuse nunha realidade paralela ao emprego público estable que nos fai preguntar como se pode casar a protección e os dereitos do persoal temporal de longa duración cos principios de mérito, igualdade e capacidade no acceso da función pública", pregúntanse os investigadores de Rede Localis.

No entanto, constata que non houbo mutación nas clases de empregados públicos e que "tampouco se pode prescindir das figuras temporais, aínda que si velar para que non se cometan abusos".

PESO DO EMPREGO PÚBLICO LOCAL

O peso do emprego público local en relación ao total do emprego público é do 21,5%, unha cifra superior ao que representa todo o sector público do Estado (incluíndo a Administración Xeral do Estado, Forzas Armadas e Corpos de Seguridade e Administración de Xustiza).

Do total de empregados públicos locais, só o 32,2% son persoal funcionario, mentres o persoal laboral (fixo, por tempo indefinido ou temporal) representa o 54,3%. O 13,5 % restante (79.228 postos de traballo) correspóndese con prazas ocupadas por outro tipo de persoal (funcionarios interinos e persoal eventual).

A taxa de temporalidade do emprego público é superior ao 30% segundo a Lei 20/2021, de medidas urxentes para a redución da temporalidade do emprego público (30,9% segundo a media da Enquisa de Poboación Activa de 2021). Esta realidade choca coa porcentaxe de temporalidade do sector privado, segundo a EPA, que é do 23,6%.

"Neste exercicio de adaptación de emprego público é necesario que o lexislador español realice un deseño adecuado, de forma que a Unión Europea e a intervención xudicial só actúen de forma subsidiaria. Así mesmo, resulta vital que, ao tratarse de postos de traballo, a redución da temporalidade do emprego público debe ser unha práctica respectuosa e, á vez, eficiente", opinan os investigadores.

Rede Localis chama a atallar ao 'problema especialmente grave' de temporalidade na administración local. REDE LOCALIS
Rede Localis chama a atallar ao 'problema especialmente grave' de temporalidade na administración local. REDE LOCALIS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta