Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/06/2022 | Actualizada ás 17:14
A Consellería de Política Social explicou este xoves que para o 90% das prazas do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar incluídas na OPE negociada cos sindicatos levará a cabo un "concurso de méritos" no que "só se valora a experiencia, sen necesidade de exame", mentres que só o resto --as de máis recente ocupación-- irán a concurso-oposición.
Así respondeu o departamento da Xunta ás reivindicacións dos traballadores que este xoves se concentraron ante o Consorcio para reclamar o mantemento dos seus postos de traballo tras o proceso de consolidación de prazas aberto polo Goberno galego.
En concreto, a Xunta alegou que "o que está a facer é cumprir a Lei do Goberno central de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público", tras a que "se aprobou unha convocatoria excepcional de estabilización de emprego temporal de longa duración, que inclúe prazas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar".
Esta Oferta Pública de Emprego, que no Consorcio afecta a 1.360 prazas, "está negociada con sindicatos", destacou Política Social.
No caso do organismo, establécense dúas modalidades. A primeira, por "concurso de méritos", no que "só se valora a experiencia sen necesidade de exame", afecta ao 90% dos postos ofertados, todas as prazas que estivesen ocupadas de forma temporal e de maneira ininterrompida con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016.
"Só o 10% restante seguirán o proceso de concurso-oposición, para aquelas prazas ocupadas de maneira temporal e ininterrompida como mínimo o tres anos anteriores ao 1 de decembro de 2020", explica Política Social. En canto á xornada de folga convocada este xoves por CNT no Consorcio Galego de Servizos, a consellería cifrou o seguimento nun 9,4%.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.