Pontevedra acolle o acto de entrega da terceira edición dos Premios Mil Primaveras

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 06/06/2022 | Actualizada ás 10:53

Comparte esta noticia

Xa está todo listo para a entrega da terceira edición dos Premios Mil Primaveras creados en 2019 pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e prestixio. Será o 11 de xuño ás 11.30 horas e terá lugar na Igrexa do Convento de Santa Clara de Pontevedra.

Nel Vidal, presidente da CTNL, presenta a plataforma agasallo.eu
Nel Vidal, presidente da CTNL, presenta a plataforma agasallo.eu

No acto, que será conducido pola narradora María da Pontragha, entregaranse os premios aos seguintes proxectos: Do berce á rúa (como proxecto estabilizado), CantáMOLA en galego (como proxecto novo), Twitter en galego e Instagram en galego (pola súa comunicación e impacto), Somos xogo (como programa máis innovador), Dicionario galego para boomers (como proxecto destinado á infancia e á mocidade) e Media Laranxa (como proxecto dun ámbito sectorial).

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convocou en 2021 a terceira edición dos Premios Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego co obxectivo de recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, valorar e difundir proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos.  

Entre os proxectos presentados nesta edición, o xurado recoñeceu como premio ao mellor proxecto estabilizado: Do berce á rúa (SNL do Concello de Narón), por ser un dos primeiros espazos que se creou con recursos para a crianza en galego.  Como premio ao mellor proxecto novo: CantáMOLA en galego (SNL do Concello de Pontevedra), por abordar a necesidade de visibilización da música en galego de todos os estilos e por estar especialmente dirixido á mocidade.

Tamén como premio á mellor comunicación e impacto: Twitter en galego e Instagram en galego, por seren proxectos efectivos, con alta repercusión social, referentes para outras accións e nos cales se traballa de forma horizontal.Como premio ao proxecto máis innovador: Somos xogo (Xandobela. Educación e Cultura), por ser proxecto aglutinador, transversal, que achega a tradición á actualidade e que asocia a lingua a algo que valoramos positivamente, o xogo. Como premio ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade: Dicionario galego para boomers (IES Leiras Pulpeiro de Lugo), por dar protagonismo e papel activo á xente nova e por vincular o galego co novo, o moderno e o máis actual. E, finalmente, como premio ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial: Media Laranxa, por demostrar que a nosa lingua pode funcionar en igualdade nos espazos de moda, con gran repercusión nas redes sociais.

Runki, a carreira dos superheroes na Coruña. JAVIPEFOTO
Runki, a carreira dos superheroes na Coruña. JAVIPEFOTO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta