Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2022 | Actualizada ás 18:57
Persoal investigador de Galicia, de Madrid e de Reino Unido publicaron na revista 'Ecography' unha metodoloxía para predicir a adaptación da biodiversidade ao cambio climático, que pode simular escenarios nos que comunidades de especies son sometidas a distintos graos de limitación na súa capacidade de dispersión, así como a diversas restricións ambientais.
A investigación, liderada pola USC, contou coa participación de científicos da UVigo, do Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid e do Natural History Museum de Londres. Esta ferramenta permite comparar eses escenarios simulados con datos reais, e comprobar cal é a relevancia de cada un dos procesos. Así, pode estudarse cal é o factor máis importante nas diferenzas entre comunidades biolóxicas, o que permite saber como responderá a biodiversidade ante o desafío global do cambio climático.
"A diversidade biolóxica é un compoñente esencial para o correcto funcionamento dos ecosistemas e, en consecuencia, do planeta", sinalaron Andrés Baselga e Carola Gómez-Rodríguez, da USC, que engadiron que, para protexer os ecosistemas, é necesario coñecer os mecanismos responsables da existencia desa diversidade: catalogar a biodiversidade, comprender por que as especies se distribúen no planeta como o fan, etc.
Segundo apuntaron estes científicos, a biodiversidade non se reparte de forma uniforme, senón que diferentes lugares albergan diferentes especies, e en diferente número. As diferenzas entre as comunidades de especies de dous lugares denomínanse 'diversidade beta' e proporcionan "información moi importante para a toma de decisións de xestión e conservación".
DISPERSIÓN E CAPACIDADE DE ADAPTACIÓN
Os dous factores principais que inciden nesas diferenzas son as limitacións á dispersión (a capacidade dos organismos para moverse dun lugar a outro) e as restricións do propio ambiente á capacidade de adaptación. Os plans de manexo e xestión de espazos naturais baséanse na premisa de que, protexendo certas especies representativas, normalmente animais invertebrados, estas actúan como "paraugas" e contribúen á conservación doutras especies que se atopen no mesmo lugar.
PROTECCIÓN DOS INVERTEBRADOS
Segundo lembraron, os vertebrados constitúen só unha pequena parte da biodiversidade total do planeta, fronte ao millón e medio de especies de invertebrados que hai. Estes proporcionan numerosos servizos ecosistémicos, desde a polinización ata o control de pragas e, a pesar diso, "continúan sendo os grandes ausentes nos plans de xestión e conservación".
A aplicación desta ferramenta a conxuntos de datos reais permitirá identificar que grupos biolóxicos, en que rexións concretas do planeta, se verán máis afectados polos cambios ambientais, xa sexa porque respondan de forma directa a estes, ou pola limitación na súa capacidade de dispersarse cara a lugares con condicións ambientais favorables.
ESTUDO DO VOLCÁN DE CUMBRE VIEJA
Noutra orde de cousas, a Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR) anunciou este luns 6 a posta en marcha do estudo máis ambicioso, ata o de agora, sobre os efectos dunha erupción volcánica na saúde humana, xa que analizará o impacto da erupción de Cumbre Vieja, na Palma.
O estudo estará dirixido polo profesor da USC Alberto Ruano e centrarase no impacto que este suceso está a ter na saúde de máis de 2.000 persoas da illa durante os próximos cinco anos. O proxecto ASHES —palabra que en inglés quere dicir cinzas e cuxo título completo é ‘Análise da exposición e os efectos sobre a saúde respiratoria da erupción volcánica en Canarias’— foi presentado no marco do 55 Congreso SEPAR, que se celebra estes días en Pamplona.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.