O PPdeG votou en contra de que Dodro teña unha rúa adicada a Moncho Reboiras

O concello de Dodro aprobou, cos votos en contra do PPdeG, cambiar a rúa “Carretera de Imo” polo do sindicalista asasinado en Ferrol.

Por Galicia Confidencial | Dodro | 13/06/2022 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

O concello de Dodro aprobou por maioría, con seis votos a favor e 4 en contra do PPdeG, o cambio de nome “Carretera de Imo” pola e Rúa Moncho Reboiras, natural deste concello, nunha sesión que contou coa asistencia de numeroso público entre os que se atopaban familiares, amigos, políticos e, sobre todo, veciños de Dodro.

Homenaxe a Moncho Reboiras
Homenaxe a Moncho Reboiras | Fonte: galiza.indymedia.org

O informe defendido no pleno sinalou, entre outros méritos, como a familia de Reboiras buscou mellores condicións de vida en Vigo. Alí Moncho Reboiras  estudou enxeñería industrial e comezou a tomar conciencia da “opresión nacional de Galiza co asoballamento do seu pobo, co baixo nivel de vida do agro, coa super explotación, co conflito lingüístico...”. 

Alí formou parte de incipientes movementos culturais, sindicais e políticos no ambiente nacionalista galego, xermes de sindicatos como a actual CIG e o BNG. O militante da UPG foi disparado polas costas por axentes franquista en Ferrol despois de salvar a Elvira Souto e Lois Ríos.

O Goberno español, a instancias da familia e do deputado nacionalista galego Francisco Rodríguez, outórgoulle da man do Ministro do Interior Francisco Caamaño a Declaración de Reparación e Recoñecemento Persoal como vítima do franquismo.

O equipo de goberno incidiu nos méritos do veciño de Imo sinalados na proposta. Así, o voceiro do PSOE Ramón Abuín sinalou a importancia como sindicalista. Tamén Xoán Xosé Vicente de Unidade Veciñal recoñeceu tamén a súa importancia para a cultura e política galega do veciño de Imo, fillo de José e Generosa. Xoán Bautista Mariño agradeceu aos voceiros que apoiaron a iniciativa así como á familia e institucións herdeiras do legado nacionalista galego.

Pechou o alcalde Xabier Castro replicándolle ao PP por non apoiar o cambio de nome de rúa. Díxolle que o pleno e a proposta en cuestión está lexitimada pola veciñanza de Dodro e lamentou que, en plena democracia, o PP argumente coma no franquismo o seu non.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta