Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/06/2022 | Actualizada ás 14:32
O promotor e presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla; o construtor Manuel Gómez Landeira e o empresario Dositeo Rodríguez Gómez compareceron este luns no Xulgado do Penal Número 4 da Coruña acusados dun delito de alzamento de bens e estafa impropia nunha operación inmobiliaria en Vilaboa, no Concello de Culleredo.
Por estes delitos, a acusación particular solicita catro anos de prisión para cada un deles. No xuízo, as defensas pediron a libre absolución dos seus clientes e, a maiores, solicitaron que os delitos se declarasen prescritos, unha petición rexeitada pola xuíza, segundo precisou o letrado que representa os denunciantes.
Na sala resolvéronse cuestións previas e achegouse documentación que debe ser revisada por Fiscalía e acusacións. Por iso, o xuízo foi suspendido ata o vindeiro venres día 17 de xuño.
Os feitos que se lles imputan aos procesados remóntanse aos anos 1999 e 2000 cando 21 familias permutaron as súas leiras, "sen ningunha garantía", á empresa de Gómez Landeira por pisos que nunca se chegaron a construír, segundo explicou o avogado da acusación.
No ano 2009, momento en que as vítimas empezaron a dar pasos para recuperar as súas propiedades, Landeira obtivo un crédito dun millón de euros de Antonio Fontenla, coa condición de devolvelo.
Pasado o tempo, o construtor non devolveu o diñeiro e produciuse un embargo, polo cal Fontenla se converteu en propietario dos terreos que os veciños permutaran por obra futura con Landeira, pois os utilizou como garantía de préstamo, de acordo co exposto polo letrado.
Ante esta situación, en 2011 os afectados recorreron aos tribunais por vía civil alegando unha presunta estafa, onde se lles recoñeceu o dereito a unha indemnización de 120.000 euros para cada unha das vítimas. Esta sentenza de devolución non se puido executar ata o momento porque o empresario Manuel Gómez Landeira se declarou insolvente.
Máis de dúas décadas despois, as familias afectadas non teñen nin os pisos nin a compensación económica. Por este motivo, dúas delas recorreron á vía penal para solucionar o conflito. Tras varios adiamentos e unha pandemia, a vista será o vindeiro venres día 17 de xuño.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.