A Xunta gasta 240.000 euros para que os medios estranxeiros falen do Xacobeo

“Atendendo á relaxación de restricións en moitos países, semella oportuno realizar unha gran campaña de comunicación para promocionar esta ruta", asegura.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/07/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Un dos principais obxectivos do Goberno galego é converter o Xacobeo no centro da política turística de Galicia. Un Xacobeo que quedou moi tocado tras a pandemia, especialmente, no Ano Xacobeo 2021. Por iso, e grazas a unha prórroga para o 2022, a Xunta quere volver a ter este ano as cifras de peregrinos que había antes da Covid.

Feijóo na presentación dun acto do Xacobeo
Feijóo na presentación dun acto do Xacobeo | Fonte: xunta.gal

Neste sentido, o investimento en publicidade é inxente. Hai uns meses Turismo de Galicia destinaba 840.000 euros para impulsar unha campaña de promoción dos recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia, así como do Camiño de Santiago en particular, nos medios dixitais (especialmente aqueles específicos de turismo) "coa intención de manter a sensibilización da poboación así como aos sectores implicados sobre os valores do turismo en Galicia en internet e redes sociais".

Desta volta, este mesmo organismo destina 240.000 euros á promoción do ano santo Xacobeo 2021-2022 en medios dixitais estranxeiros. Así, xustifica esta medida ante o alivio das medidas anti Covid e para potenciar a imaxe do Xacobe fóra das fronteiras “na recta final do bienio Xacobeo”.

IMPACTO DA COVID

Turismo de Galicia lembra que o Camiño tampouco foi alleo ás consecuencias de restrición de mobilidade e de contactos social que marcou a crise sanitaria, reducindo drásticamente o número de persoas que realizaron a experiencia Xacobea. “A progresión ascendente no número de peregrinos e visitantes que viña rexistrando Galicia desde a última década, viuse drásticamente truncada por mor da influencia da covid-19”, recolle no prego do concurso ao que tivo acceso GC.

Con todo, destaca que en 2021 a actividade turística xa deu signos de recuperación na acollida de visitantes, pero o Camiño rexistrou un “inusual número de peregrinos” para un Ano Santo debido a que “os peregrinos estranxeiros apenas puideron realizar esta ruta milenaria”. 

“Atendendo á relaxación de restricións en moitos países, semella oportuno realizar unha gran campaña de comunicación para promocionar esta ruta entre aquelas persoas que, fóra de España, están buscando un plan vacacional que se adapta perfectamente ás demandas do viaxeiro post covid”, defende.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta