Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2022 | Actualizada ás 13:48
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, reiterou este venres que o tratado tanto na Comisión de Saúde Pública como no Consello Interterritorial de Sanidade en relación á administración da cuarta dose da vacina contra a Covid-19 refírese á poboación maior de 80 anos.
Comesaña explicou que "non está claro o momento" de vacinación porque dependerá de que se poida dispor dunha vacina válida tanto para a cepa orixinal como para a ómicron. "Será setembro ou outubro cando corresponda a chegada desta nova vacina", precisou.
"Supoño que por un desaxuste na forma de dicilo parecía que era para toda a poboación", puntualizou o conselleiro a preguntas dos medios na Coruña, á vez que engadiu que a ministra de Sanidade, Carolina Darias, lle confirmou este xoves que "o que está aprobado é a cuarta dose --segunda de reforzo-- para maiores de 80 anos".
Tras as declaracións de Darias nunha entrevista en La Sexta onde afirmou que habería "cuarta dose para toda a poboación" a partir de outono, vinculando esta decisión co acordado na Comisión de Saúde Pública, o Ministerio de Sanidade puntualizou que "non hai data determinada" para a administración da cuarta dose da vacina contra a Covid-19 na poboación xeral, aínda que sinalou que "nalgún momento se poñerá a todo o mundo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.