Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2022 | Actualizada ás 11:03
A executiva do BNG trasladou as súas felicitacións ao novo presidente de Colombia, Gustavo Petro, e a vicepresidenta, Francia Márquez, que cun "pacto histórico" alcanzaron ao 50,51% dos votos e superaron o 47,16% obtido polo empresario Rodolfo Hernández.
"A vitoria da esquerda supón unha oportunidade histórica para superar o uribismo e afrontar un cambio de etapa baseado na paz, a xustiza social, a protección de medio ambiente e a igualdade", destacou a coordinadora de Relacións Internacionais do BNG, Ana Miranda, nun comunicado.
A dirixente do BNG participou como observadora na Misión de Observación Electoral do Grupo Interparlamentario pola Paz en Colombia. Mentres na primeira volta das presidenciais percorreu numerosos colexios electorais da área metropolitana en Medellín, na segunda volta celebrada este domingo visitou os centros de votación de Suba, unha das cidades do Distrito Capital de Bogotá.
Conforme sinalou o Bloque, "ademais de constatar a ausencia de interventores e as dificultades de información en diversos centros de voltación", na xornada do domingo a misión de observación detectou "varios casos de votantes facéndolles fotografías ao voto, unha actuación ilegal, polo indicio de compra".
Neste contexto, Miranda considerou que a vitoria do "pacto histórico" ten un maior valor se cabe tendo en conta o contexto de violencia vivido nos últimos anos, con desprazamentos forzosos, ameazas e ataques contra políticos e defensores dos dereitos humanos.
O BNG considerou fundamental apoiar ao pobo colombiano e trasladarlle as felicitacións, xa que co seu voto de apoio á esquerda indicou que quere un cambio de época en Colombia vencendo ao uribismo e á súa política ultraliberal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.