Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 21/06/2022 | Actualizada ás 10:05
A Garda Civil de Ourense detectou a un condutor cando circulaba a 236 quilómetros por hora na autovía AG-31 tras presenciar o Rallye de Ourense.
Nun comunicado de prensa, o Instituto Armado destaca dentro do seu labor o pasado fin de semana con motivo da celebración da proba deportiva "como nota negativa" a "actuación dun espectador do Rallye que, contaxiado pola velocidade dos pilotos, ao regresar de ver unha proba foi detectado circulando a 236 km/h na autovía AG-31".
Por iso, instruíronselle dilixencias en calidade de investigado pola posible comisión dun delito contra a seguridade viaria, tipificado no artigo 379 do Código Penal que considera o feito como delito e é castigado coa pena de prisión de tres a seis meses ou á de multa de seis a 12 meses ou traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días e, en calquera caso, á de privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos.
Durante o pasado fin de semana, o Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense participou "activamente" nos principais acontecementos lúdico/festivos que tiveron lugar na provincia, destacaron as mesmas fontes.
Por unha banda, na Festa do Boi desenvolvida na localidade de Allariz varios patrulla estableceron controis de alcol e drogas para velar pola seguridade viaria das persoas que acudían á celebración dos festexos, no marco dos cales se realizou "un elevado número de probas de alcoholemia e de drogas".
Mentres, na proba deportiva do Rallye de Ourense varias patrullas do Subsector de Tráfico da Garda Civil comprobaron a seguridade dos tramos e os desprazamentos intermedios entre eles, "controlando principalmente a velocidade dos vehículos que acudían a presenciar a pericia dos participantes no Rallye e realizando tamén controis de alcol e drogas", detallaron.
Polo demais, a Benemérita destaca "a ausencia de accidentes graves dado o grao de responsabilidade observado tanto nos condutores que acudían a presenciar o Rallye como aos festexos da localidade de Allariz".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.