É certo que, Alemaña, Australia, Polonia, Italia, Holanda e Grecia atópanse entre os primeiros Estados europeos en reabrir plantas ou tomar medidas para apoiar a enerxía producida con carbón. Pois o crecemento da demanda eléctrica ameaza con comerse o ritmo da oferta.
Sempre lembramos o paraugas cando chove e chegamos tarde e arrastro a todas as cuestións, non-si?
Estando de acordo coa solicitude empresarial, quero falar clariño dalgunha cuestións das que non falaron no seu argumentario.
A transición do modo de produción non existe e polo tanto o cualificativo de xusta foi, é, unha argallada. O mantemento co que viñamos producindo para Enel-Endesa non é unha alternativa pois queren aproveitar a decisión de pechar para facer unha chantaxe permanente e, así, lograr un troco na decisión política. A falla de previsión é total tanto polo Goberno do Estado como da propiedade da Central Térmica. Endesa ten obediencia debida aos seus amos italianos e non aos intereses xerais, ou sexa, Enel quere pechar e os de Endesa calan, por si acaso.
Namentres a Xunta de Galiza se conforma coa cheminea e o goberno do PSOE segue a dar paos de cego, tanto neste asunto como noutros. Por se non abondara co dito, o Alcalde de As Pontes segue mais preocupado polo seu futuro político que o de seu pobo namentres a desfeita é un feito.
No actual escenario, dunha total incerteza sobre os prezos futuros da enerxía e, o que aínda é máis grave, da garantía de subministro, o correcto sería obrigar a Enel-Endesa a manter, por pura precaución, os grupos da Central Térmica de As Pontes en perfecto estado operativo, facendo os investimentos precisos, co seu cadro de persoal completo, propio e auxiliar, e co stock que se poda almacenar no Parque de Carbóns. Como digo, non tanto para funcionar a marcha normal, senón por pura cautela, non facelo nestes momentos é un acto de irresponsabilidade política do PSOE por activa e do Alcalde de As Pontes por pasiva.
Pesei a todo o exposto e aínda que, todas as horas deixan feridas, a derradeira mata (vulnerant omnes, última necat), debemos loitar para que non pechen a C. T. de As Pontes.
Nota. - Por certo a concesión no Porto de Ferrol que ten Enel-Endesa xa está empregando para levar carbón a outros Estados e tamén para importar-exportar outros graneis.
Cantas reviravoltas
ten a xente e moito mais quen a goberna:
máis cedo que tarde
esquecen os onte e antonte.
Unha doenza pode facer que matinemos cara a onde imos
e decidirmos cal é o camiño
que nos convén.
Aínda estamos a tempo
de non nos esfarelar,
lembrade,
a hora que mata é a derradeira.