Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/07/2022 | Actualizada ás 10:24
Ecoloxistas en Acción presenta a súa campaña “Humidais para a Vida” coa que pretende concienciar sobre a importancia das zonas humidas e as agresións ambientais que sufren constantemente estas zonas de tan alto valor ecosistémico.
A campaña da organización ecoloxista consiste na avaliación e catalogación de diversas zonas humidas de cada provincia galega para solicitar a súa inclusión no Inventario de Humidais de Galicia como paso previo a unha declaración de zona protexida. Ecoloxistas en Acción insta a Xunta de Galicia a abandoar o seu desleixo actual e actuar para protexer os humidais, xa que nos últimos 15 anos só se incluiu un humidal como zona protexida.
O Decreto 127/2008, do 5 de xuño, polo que se desenvolve o réxime xurídico dos humidais protexidos e se crea o Inventario de humidais de Galicia (DOG Núm. 122, do 25 de xuño de 2008), establece que a inscrición dun humidal no Inventario de humidais de Galicia deixará constancia - como mínimo - da súa identificación, denominación e descrición, codificación e denominación do humidal, descrición xeral do humidal, tipoloxía, localización e superficie, localización xeográfica, administrativa e hidrolóxica, superficie do humidal, hábitats, vexetación e flora, fauna, réxime de protección, plans e medidas de conservación, estado de conservación e cartografía.
O Inventario de Humidais de Galicia (IHG) é un paso previo para incorporar novos humidais protexidos. Porén, malia que desde o ano 2003 o IBADER xa tiña elaborado un inventario con máis de 1.100 humidais galegos, non se tramitou a protección destes espazos, e en 15 anos só se declarou un humidal máis como protexido: o Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Ecoloxistas en Acción sinala que os humidais son indispensables polos innumerables beneficios ou "servizos ecosistémicos" que brindan á humanidade, desde subministración de auga doce, alimentos e biodiversidade, ata o control de crecidas, recarga de augas subterráneas e mitigación do cambio climático.
Subliñan que, con todo, un estudo tras outro demostra que a superficie e a calidade dos humidais seguen diminuíndo ano tras ano na maioría de rexións do mundo. En consecuencia, os servizos dos ecosistemas que os humidais proporcionan ás persoas están en perigo. A perda e degradación dos humidais tradúcese nun enorme impacto social e económico como, por exemplo, o aumento do risco de inundacións, diminución da calidade da auga, ademáis de impactos sobre a saúde, a identidade cultural e os medios de subsistencia.
“É esencial garantir a conservación da biodiversidade e dos recursos hídricos como os humidais, e proceder a restaurar as funcións ecolóxicas e os servizos ecosistémicos daqueles que foron degradados polas accións antrópicas como plantíos forestais, agricultura intensiva, instalación de parques eólicos ou explotación de minas” sinala Roberto Vilela, voceiro de Ecoloxistas en Acción.
A organización ecoloxista presenta o seu catálogo de zonas humidas galegas avaliadas en catro fases distintas, unha para cada provincia. Nesta primeira fase, acompañando o lanzamento da campaña, vai aparellado o informe sobre varios humidais de A Coruña que necesitan urxentemente unha figura de protección. Relación de humedais avaliados por Ecoloxistas en Acción na provincia de A Coruña para solicitar á Xunta a súa inclusión no Inventario de Humidais de Galicia e a súa posterior declaración de zona protexida.
BRAÑAS DO DEO
Situadas na cunca do río Deo (afluínte do Mandeo) ao sur da comarca de Betanzos, comprenden unha superficie de 3.385,20 ha dos concellos de Aranga, Curtis e Oza-Cesuras. Este espazo aséntase nunha ampla penichaira atravesada por numerosos cursos de auga tributarios do Deo.
BRAÑAS DE VALADARES E BANZAS
Preto da devesa de Augabril, e a carballeira e fervenza de Santa Leocadia atopamos as brañas de Valadares e Bañas. Nas súas veiras afloran exemplares de Lycopodiella inundata.
BRAÑAS DA SERRA
Encádranse nas parroquias de San Pedro de Xallas de Castriz (Santa Comba) e San Miguel de Couso (Coristanco), e constitúen un dos brezais atlánticos húmidos máis grandes de Galicia.
BRAÑAS DO MONTE INXERIO
Os terreos do Monte Inxerio están catalogados polo propio Concello de Ordes a efectos urbanísticos coma “chan rústico de protección das augas”, definido no art. 24 da Lei do chan de Galicia, pois existen neles ata cinco zonas húmidas.
BRAÑAS DA CALZADA
Caracterízanse por unha significativa presenza de queirogais húmidos atlánticos con numerosos exemplares de Euphorbia uliginosa, Erica ciliaris e Erica tetralix.
BRAÑAS DO ESPINDRO
A Serra de Montemaior (A Laracha) está configurada por tres elementos esenciais e a súa combinación: os montes cos seus cumios, os recursos hídricos e as brañas.
BRAÑAS DO TORREIRO
Moi preto das Brañas do Espindro atopamos as Brañas do Torreiro, no límite entre as parroquias de Celas (Culleredo) e Meirama (Cerceda), en pleno Monte Xalo; un dos espazos naturais máis elevados do litoral coruñés – que se aliña coas mesetas de Santa Comba e de Tordoia – no que atopamos numerosos bloques graníticos e que se converteu nun verdadeiro pulmón para a comarca da Coruña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.