Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 07/07/2022 | Actualizada ás 20:37
O vídeo de 'Fado para Samuel', a canción composta por Davide Salvado e o produtor Daniel Pardo para render homenaxe ao mozo Samuel Luiz (asasinado hai un ano na Coruña), poderá verse desde este xoves nas canles de Youtube e Facebook da Deputación da Coruña, así como na web seresentir.gal.
Esta peza, dirixida por Adriana Romeu, con produción e letra de Pardo, a voz de Salvado e música de Ricardo Pons (guitarra), Marco Quaresma (guitarra portuguesa) e Cibrán Seixo (violín, viola e moog) é outra das propostas incluídas na campaña Liberdade de ser e sentir do organismo provincial.
Trátase dunha campaña promovida pola área de Igualdade por quinto ano consecutivo, en colaboración con concellos e entidades da provincia, que busca sensibilizar sobre a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero.
O vídeo foi gravado na Barbearia Venezia da cidade lusa do Porto, un establecemento con máis de 90 anos de historia. A elección deste emprazamento, sinalou Daniel Pardo, "ten moito que ver con falar dalgunha maneira do concepto de masculinidade e co desexo de mostrar outras masculinidades, outros xéneros, e a fluidez de xénero, que é o tema principal do vídeo".
Así mesmo, apuntou que outro dos temas que aborda esta peza é "o perigo que hai mesmo dentro desa mestura: o medo que teñen moitos homes gais polo feito de que lles gusten outros homes; medo ás agresións, ás veces provocadas por outros homes homosexuais ou bisexuais; e o medo que moitas personas LGTBIQ+ teñen aínda hoxe en día en todo o mundo, simplemente por expresar a súa identidade sexual en público".
Ademais deste vídeo, a campaña ofrece, ata a segunda quincena de xullo, diversas actividades para públicos de todas as idades. A programación pode consultarse en seresentir.gal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.