Por Galicia Confidencial | Carboeiro | 09/07/2022 | Actualizada ás 12:57
A veciñanza da contorna arredor do polígono eólico de Carboeiro denuncian que o proxecto é un atropelo ambiental e social. Denuncian ter coñecemento da posible instalación de torres eólicas de case 250 metros de altura perto das vivendas. A isto engadiríase unha subestación e
liñas de alta tensión para a evacuación.
Debido a sito, a poboación afectada convocou unha charla informativa, á que asistiron un centenar de persoas, "onde foron coñecedoras das numerosas e preocupantes consecuencias da instalación destes elementos en entornos habitados".
Con posterioridade a esta reunión rexistráronse máis de 3.000 alegacións, "as cales provocaron o colapso nos rexistros dos concellos afectados", sendo necesario acudir a outros concellos e diferentes administracións para conseguir rexistralas en prazo, quedando, aínda así, moitas delas pendentes de seren rexistradas.
A veciñanza de Santa Leocadia, Erboedo e Vista Alegre, as zonas máis directamente afectadas,
"agradecen o apoio recibido por parte das parroquias veciñas e do resto da provincia", e anuncian que están a constituír unha asociación, en coordinación con outros colectivos afectados da zona, para frear o proxecto de parque eólico.
De chegar a ser aprobado, "mudaría drasticamente a súa forma de vida e ocasionaría danos medioambientais irreparables nunha zona rica en augas, fauna e flora".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.