Dúas investigadoras da USC participan na primeira observación do 'tetraneutrón', un novo estado da materia

Os resultados da investigación na que participaron estas científicas do IGFAE foron presentados en primicia no Congreso Internacional DREB2022.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2022 | Actualizada ás 19:38

Comparte esta noticia

As investigadoras Dolores Cortina Gil e Beatriz Fernández Domínguez, do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), da Universidade de Santiago, participaron na elaboración dun traballo publicado na revista Nature, e que confirma a primeira observación dun novo estado da materia, o 'tetraneutrón'.

Trátase dun estado da materia formado só por catro neutróns e o seu descubrimento dá resposta a cuestións expostas pola física nuclear nas últimas décadas, e relacionadas coa posible existencia de sistemas case-ligados formados unicamente por neutróns. Para manter un núcleo ligado, a materia visible precisa de protones e neutróns (coa excepción das estrelas de neutróns, compostas unicamente por estas partículas) e nunca antes fora posible identificar sistemas ligados multineutrónicos.

Os resultados da investigación na que participaron estas científicas do IGFAE foron presentados en primicia no Congreso Internacional DREB2022, organizado por este Instituto (centro mixto da USC e a Xunta de Galicia).

ESTRELAS DE NEUTRÓNS

Este descubrimento é clave para entender como funciona a forza que permite aos protóns e neutróns manterse unidos no interior do núcleo atómico. Ademais, axuda no coñecemento da estrutura e composición das estrelas de neutróns.

Nestes corpos, os neutróns están ligados pola extrema forza gravitatoria do seu interior: concentran unha masa un pouco maior á do Sol nun radio de apenas 10 quilómetros, e son ultracompactas e densas.

O experimento para producir o 'tetraneutrón', realizado en Xapón, considérase un dos resultados da fase previa do experimento R3B (Reaccións con Fas Relativistas Radioactivos). Para producir este novo estado da materia fíxose interaccionar un faz de núcleos dun isótopo exótico do helio (helio-8), acelerado a velocidades próximas á da luz, contra un branco de hidróxeno líquido.

Tras a reacción, explicou Dolores Cortina, o núcleo de helio-8 fragméntase nunha partícula alfa e catro neutróns e, a partir dese momento, a forza nuclear permite a interacción entre eses neutróns, dando lugar a un novo estado.

O próximo obxectivo, citou Beatriz Fernández, será detectar directamente o sistema de catro neutróns e estudar eventuais correlacións entre eles.

As investigadoras do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), Dores Cortina e Beatriz Fernández.. USC
As investigadoras do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), Dores Cortina e Beatriz Fernández.. USC | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta